Nuovo Cinema Paradiso

nuovo cinenaMariña Pérez Rei. O plató é inmenso. Sen límites, para sermos exactos. Os actores e as actrices pisan o escenario nerviosos. Hai certa emoción nos tacóns novos sobre as táboas. Preparan o seu texto, melloran a dicción, ensaian poses para un posible primeiro plano. Elixen a mellor cámara para o seu perfil, o ton de voz máis axeitado ao seu papel. O elenco vai medrando a medida que avanza o día e se converte en espectáculo. Tan lenta é a deshumanización que se pode tocar o rastro que deixa.

Nota para cinéfilos: Proxectar algunhas imaxes fixas do desleixo colectivo contrapostas con outras en movemento de filmes clásicos.

Os focos, pequenos cravos de luz na bóveda celeste, ábrense coma se fosen astros de alugueiro que prendesen e apagasen segundo a emoción dos personaxes e o decorrer da obra. Rudo experimentalismo que parte dun varrido fugaz sobre a vida real. Así, o día medra na súa rutina entre espectadores que bocexan, aborrecidos pola telerrealidade que lles ofrece o Paradiso. Hai quen pensa que o celuloide morreu de éxito. Dado que apenas quedan proxeccións en salas comerciais, todo se reduce a pequenas exhibicións de destape diario. Significativas e entretidas. Súper 8.

Sen previo aviso, o público vai gravando o seu propio aplauso durante as pausas publicitarias. Autoovaciónase ou apúpase con asubíos longos desbotando de vez o cinema mudo e o pianista doméstico que podía acompañar a interpretación.

Pero soa xa o terceiro aviso. Riiing? E como quedamos espidos ante os nosos semellantes, forzamos unha actuación crible, mesurada, talvez acompañados por unha banda sonora repetitiva e programada. Somos arte e parte dun cineclub caseiro. Autores, crítica e público para nós mesmos.

Silencio! Ródase! E sorría, que estamos no aire!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *