Sun Zi: A arte da guerra

Sun Zi

Pastor Rodríguez. Teófilo edicións pon á disposición dos lectores a versión en galego dun clásico chinés e universal: A arte da guerra, atribuída a Sun Zi (Sun Wu), o libro de estratexia militar máis importante ata a chegada de Clauswitz, que é hoxe lectura non só de militares senón tamén de empresarios e políticos. Ata agora podiamos lelo en versións castelás (feitas a partir de versións inglesas), das que só coñezo a de Albert Galvany para Trotta, a editora madrileña.     Un clásico que é algo máis ca un libro militar, pois está moi influído polo taoísmo e que Sun Zié contemporáneo tamén de Confucio. Ata non hai moito críase que fora escrito na época das Primaveras e Outonos (770 – 476 a.c.), pero que tras novos achádegos de manuscritos e un estudo máis profundo dos contidos, parece máis seguro que se escribiu no período dos Reinos Combatentes (476 – 221 a.c), cando China sufriu un profundo cambio económico e social, unha forte militarización que se trasladou á estrutura civil e un novo concepto de guerra total e expansión, lonxe xa da visión aristocrática do período anterior.  É agora a época dos grandes exércitos, da infantería e da presenza maioritaria do campesiñado. A visión dunha guerra “cabaleiresca” onde o honor, que era fundamental, desaparece.

   A obra é un libro de reflexión filosófica, á par das de Platón ou Maquiavelo, un discurso moi lúcido sobre o poder e a dominación. Jean Levi dicía que o libro ensina que a guerra é asunto sucio e que os sensantos deben evitala. Pero aínda, malia iso, o libro, moi sutil, fala dunha tradición china do cambio, en clara ruptura co estatismo aristocrático, e fala tamén da importancia do detalle. Un trunfo da astucia, da intelixencia e do dominio. E da percepción do tempo. Parece como se a teoría da guerra fose a teoría da non-guerra. Elévase o enfrontamento ao abstracto nun xogo de disimulo para non falar do sucio da guerra. Para Oriente a guerra non é tecnoloxía e o libro é tratado da arte de gobernar, de mandar, de dominar.

   Pero os chineses tamén enchían de sangue o campo de batalla, pero teñen a elegancia de evitar dicilo, converten a reflexión nun ocultar o que é a guerra como tal guerra. Só no texto, di Jean Levi, é posible vencer sen manchar a espada. A violencia sen sangue, non amosa loita ningunha no texto. É a teoría da nada propia do taoísmo e do totalitarismo: non-ser é superior a ser. O non-ser, sen forma, adáptase a todo e pode dominalo todo. Así a guerra e o Estado serían un actualizarse das forzas primixenias do Universo.

   A edición galega é bilingüe chinés-galego, e na nosa lingua puxo esta Arte da guerra Xulio Ríos, que se encarga tamén da introdución. A vitoria pódese prever de cinco formas para Wu, pero é básico “saber manexar as túas forzas, cando son numerosas e cando son escasas”.