Otero Pedrayo: Despedida narrativa. O Maroutallo

Otero por Pinto & Chinto
Otero por Pinto & Chinto

Román Arén. Non é autor fácil Otero e é un autor admirado. As dúas cousas estannos levando a isto: pouco o lemos. Quédanos grande. O seu galego é complexo para as mentes sinxelas. Pero a súa voz, “unha voz eterna” desexaba Cunqueiro, é fundamental, un alicerce seguro, na literatura galega. Xa vello, en 1974, con 86 anos, publicou O Maroutallo na que foi, na miña opinión, a colección máis “popular” no mellor sentido do concepto, do mundo editorial galego:  O Moucho, da editorial Castelos, ese gran labor de Xosé Mª Álvarez Blázquez, e na que tamén apareceu Retorno a Tagen Ata de Ferrín. Pouco populares estes títulos, pensarán moitos. Quizais. Ou quizais Álvarez Blázquez cría moi intelixentes aos lectores galegos. Reeditada por <El País> en 2008, é o retrato feminino máis realista dunha muller feito por Otero, que tendía ao idealismo, nas personaxes femininas, ou á “femme fatale”. Así comeza este relato: “Acordou no quente xergón de cosco, ulido de nabeira alapeada, suor de ventre, arrotos do cocemento bandulleiro do touciño e pouco febra da cea, o bravo dos pelos ciscados en moutelos polos recantos do corpo, o bafo do coarto de madeiras vellas, pechado, afumado, xuntamente co dos ratos e co chegado da corte onde a marrá, agarimando como vella as faltriqueiras valeiras das tetas, afundía no pallugueiro mollado, co acedo cheirume da caldoubada dos probes”. maroutalloOtero Pedrayo? A moitos non llelo parecerá, pero si, un Otero hiperrealista e acedo, satírico.  O Diccionario da literatura galega I de 1995 limítase a isto: “historias de personaxes entrañables pero chocantes, como o relato curto titulado O maroutallo (1974) ou a novela castelán La fiesta del conde Bernstein”. Eu engadiría que este relato está na tradición de contar as vidas de vencidos, polo menos para o mundo, que Rosalía encetou en “Ruínas”.

Otero Pedrayo, como Cunqueiro, é un mundo, un mundo complexo, plural, riquísimo. Releamos Otero, paga a pena.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *