Terraza global

terraza globalXerardo AgraFoxo. Cando a nai quería amosarlles a súa faciana máis hospitalaria, el levounos con dilixencia cara á terraza. “Por aquí, por aquí, veñan con coidado”, repetía nun ton familiar e coa man tendida para que non se esnafrasen pola retorcida esqueira. Só os irmáns coñecían as súas verdadeiras intencións.

Dende o miradoiro a panorámica era desoladora. Co dédalo de vivendas cinguido por unha muralla, a aldea medraba erguéndose cara ao ceo. E as terrazas, convertidas no centro de reunión durante o solpor, eran o símbolo de cada familia. Tamén o espello para comprobar como un lugar ignoto, malia sufrir a indiferenza dos seus gobernantes, non estaba illado. Coa parabólica o rapaz podía seguir os partidos de fútbol. Na monumental mesquita –que  construíra o emir de Catar–, os pais rezaban as cinco oracións de cada día.  E aproveitando a  rede dun cuartel veciño mesmo podían facer chamadas.

 Mentres os viaxeiros semellaban abraiados, Ahmed, que desaparecera das súas olladas, presentouse de súpeto cunha camiseta vermella. “Si, é a Roja… quería me tiraran unha foto”. Vale, ponte aí. “Podían entregarlla a Torres, o meu xogador preferido, para que me asine nela un autógrafo”.  Pero, sabes o seu enderezo? A resposta só tardou uns segundos, o tempo que lle levou  consultar o móbil: “Sei…, veranea nun lugar que se chama O Ézaro”.

A cobertura era perfecta na terraza global.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *