Carta a un alumno indeciso

indecisoX. Ricardo Losada. Querido alumno: Pídesme que che oriente sobre estudar Ciencias ou Letras. Como non podo dicirche Pasa, esa distinción é absurda, contareiche unha historia: O sistema de numeración decimal inventárono os hindús no s. VII, e  trouxérono a Europa os árabes. No s. XII usouno Fibonacci, demostrando que permite operar con máis facilidade e rapidez, pero non se aceptou ata o século XIX. A razón é simple. Na Idade Media había en Europa un gremio de calculistas profesionais, que usaban unhas técnicas moi complicadas que só coñecían eles. Cun método máis sinxelo, a súa profesión desaparecería. Como tiñan moita influencia nos círculos de poder (controlaban a economía e a facenda), conseguiron atrasar durante séculos a implantación da numeración decimal. Axudounos a Igrexa católica. Aquel invento prestixiaría a cultura musulmá.

 elixir    Supoño que unha historia así che suxerirá preguntas. O Sistema Educativo cre que de dous tipos. Primeiro. Por que apareceron os sistemas de numeración? En que se diferencian? Por que era mellor o de numeración decimal? Sería posible inventar hoxe outro mellor? Por que os ordenadores usan un sistema de base 2 e non o de base 10 habitual? Segundo. Que sistemas políticos había para que fose posible atrasar tantos séculos un avance decisivo? Que ideas cambiaron en Europa para que puidese aceptarse o novo sistema? Por que se entremetía a relixión en asuntos científicos? Está pasando o mesmo na actualidade coa negativa da Igrexa a investigar células nai?

     Se che intrigan máis as primeiras preguntas, di o Sistema Educativo, deberías estudar Ciencias. Se as segundas, Letras. Absurdo, pero, como tes que decidir, recordareiche o que dicía o gran matemático G.H.Hardy cando algún alumno lle preguntaba o que ti me preguntas.duda O importante, dicía, é ter curiosidade intelectual (ansia de coñecer a verdade), orgullo profesional (satisfacción co propio rendemento), e ambición (desexo de conseguir boa reputación e unha posición social digna). Iso é o que tes que decidir. Ser curioso ou indiferente, orgulloso ou deixado, ambicioso ou conformista. Se escolles as primeiras calidades, non terás dúbidas. Saberás qué estudar e, o máis importante, triunfarás.

     Ti mesmo.

     Posdata: Fai todo o posible por non converterte nunha rata de laboratorio: unha desas que non sabe apreciar un razoamento filosófico ou un poema, nin nunha rata de biblioteca: unha desas que cre ser culta sen saber que pensaban Heisenberg ou Einstein sobre a realidade. E recorda: o protagonista de todas as historias que che contan no colexio, incluída esta da numeración decimal, es ti.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *