Eme Cartea. Alfonso Costa, un artista apaixonado e xeneroso, sensible, exhumador de mitos, plural en calideces, versátil, soñador heteroxéneo de utopías, sutil fabulador de mundos intuídos, virtuoso, tenazmente fantasioso, con pólvora e magnolias na man, ecléctico, irónico, transgresor de cicatrices, optimista irredento, atlántico impetuoso, omnímodo, surracionalista (sic), caligráfico, universal por galego. Cualificativos todos biblo(bio)gráficos confeitados de admiración e autenticidade. Percorreu o esgrevio camiño da perfección, sempre “costento”, bebendo dos -ismos- que o fixeron merecedor do laico olimpo da fama: impresionismo, expresionismo, cubismo, manierismo, surrealismo, neofiguración, barroquismo, abstraccionismo, informalismo, neoexpresionismo, transvangarda… E sobre todo algo máis.
Porque de todos eles hai pegadas na obra, pero digámolo xa: a súa inconfundible personalidade foi quen de xerar un estilo de seu, distinguible e distinto. Costa non se move a por de trasacordos senón de aprendizaxe en espiral, de tríscele celta, como un moderno druída dono el da ciencia, que é, primeiramente, equilibrio entre forza mental, espírito e corpo. Influencias todas, pero con asasinato. En cada pincelada fixo propio o lema de Rimbaud: “Il faut être absolument moderne”. E nesta tarefa harmonizadora persevera con fidelidade a si mesmo e a Beleza, amarga por veces, mais sempre cargada de futuro.
Neste acrílico do 2005, realizado ad libitum, danse os elementos próximos á abstracción, pero con nome: “Astrólogo”. Sobre un fondo inflamado de campos de cor contrastantes –color field painting?–, dispón a negrura da noite, compacta, que só deixa ver o insondable universo a través dese frío en azul que percorre distancias e signos remisos á interpretación. Un telescopio metálico flota ao azar, e logo esas folgadas manchas de negro matérico, símbolos ou ideogramas Franz Kline-Miró-Tapies a desembeleñar. Pero probe a colgar este lenzo do envés, coma un absorto Kandinsky, e admire a nova eufonía de suxestións; mesmo esa face humanoide, insinuada ou non, que se ofrece ao astrólogo observador.
Nin podo nin quero deixar a emoción desta opera aperta, que sabe a contemplación seducida a tal unha noite estrelada de ría en Camboño.