Manuel Brión, discreto precursor do movemento obreiro en Boiro

BA26C8F1_182723Antón Rodríguez Gallardo. Unha das figuras máis representativas do ámbito socio-político boirense previo á Guerra Civil foi Manuel Brión Suárez, destacado organizador do asociacionismo obreiro e labrego durante a etapa republicana. Nacido en 1886 no seo da familia dos Xesteiros de Fonte do Mouro, Manuel Brión fora un dos moitos galegos que, tras pasar pola emigración americana, retornara coa experiencia de ter vivido a efervescencia social e política daquelas latitudes.

De volta á casa cun capital abondo para abrir en Cabo da Cruz, onde será coñecido como o Americano, un ultramarinos e casa de comidas (O Paxaro Pinto), e con ideas renovadas sobre a organización da sociedade e o papel que nesta habían de ter as clases populares, chegada a II República converterase en peza clave na eclosión das entidades xurdidas á calor da Casa do Pobo.

A súa actividade comezaba na primavera de 1931, colaborando, dende o cargo de secretario, na creación da Sociedad Agraria y de Oficios Varios La Fraternidad, a primeira organización esquerdista na historia de Boiro tras adherirse ao sindicato UGT. No verán do ano seguinte, Brión participa tamén na posta en marcha da Agrupación Socialista Obrera, onde sucesivamente asumirá varios cargos directivos.

Despois de cinco anos traballando intensamente na promoción do asociacionismo e na reivindicación en favor das clases populares, tras a vitoria da Fronte Popular nas eleccións xerais de febreiro de 1936, sería designado concelleiro polo Goberno Civil xunto a outros socialistas, republicanos progresistas e membros do Partido Galeguista.

Considerado xa que logo un dos causantes de que a vida pública boirense se revolucionase durante o período republicano, o seu castigo chegará tras o golpe de Estado de xullo do 36.

Obrigado a ocultarse cando o exército rebelde toma Boiro, a finais de novembro daquel ano, Brión era localizado e matado a tiros por unha partida de gardas civís e falanxistas nun monte próximo á Fonte do Mouro. Tiña 50 anos e estaba solteiro. Ao dicir da prensa facciosa, eliminárase un suxeito perigoso, afiliado ao comunismo e de pésimos antecedentes.
Só uns días despois, os seus bens serán embargados polo Goberno local, que declaraba os edís da Fronte Popular responsables subsidiarios da desaparición de cartos públicos, atribuída ao alcalde en funcións e ao depositario na súa fuxida in extremis cara a Portugal.

«Manuel Brión era un home intelixente, serio e moi formal -dicíanos Marcelino Castro, un correlixionario seu-. Era un político máis ben. Nunca andaba en algarabías nin esas cousas. El era do Partido Socialista. Un home moi culto, moi preparado». Similar opinión tiñan del outros camaradas cos que no seu día nos entrevistamos.

Só a crueldade dun réxime militar baseado na represión do adversario político e a implantación do terror pode explicar aquel asasinato que, un 23 de novembro do 36, tinguiu de sangue inocente un piñeiral próximo á Fonte do Mouro.

2 comentarios en “Manuel Brión, discreto precursor do movemento obreiro en Boiro

  1. Antón: Al igual que Magdalena, considero muy interesante lo que has escrito.
    Me encanta esa hermosa villa de Boiro. La visito con frecuencia.
    En Barraña tenía familiares muy directos; justo al lado del Campo de fútbol.
    Un cordial saludo desde este maravilloso lugar de Palmeira.

  2. Buenos días, Antón:
    Creí que ésta era tu primera entrada en Barbantia pero acabo de comprobar que ya tienes varias. Estuve leyendo las anteriores y veo que todas ellas están relacionadas con la bonita villa de Boiro, la cual visito con frecuencia y que de vez en cuando doy mis caminatas por el precioso paseo marítimo de Barraña. Felicidades por pertenecer a tan hermoso lugar.
    Muy interesante todo lo que acabo de leer, y como aún no te había saludado lo hago ahora: bienvenido, Antón, mucha salud te deseo desde la también hermosa Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>