Adestrando asasinos

Matalobos
Matalobos

Francisco Ant. Vidal Blanco. Non fai falta poñerlle a un neno unha pistola na man para convertelo nun asasino. Basta un pequeno acto, un inxenuo xogo entre pai e fillo para ver como a máis inocente actitude sen pretender facer dano, se volve amoral; ou así o entendín despois de ler un dos contos que forman parte do libro Dez, do autor italiano Andrej Longo. Un título que fai referencia ós Dez Mandamentos, onde, seguindo a orde destes, pero trocando ós deuses e ós fieis por persoas, aqueles exercen o seu poder desapiadadamente e estoutros sofren a submisión nun entorno de exclusión social, vasalaxe e abuso; amósanos que os deuses a quen amamos sobre todas as cousas son señores amos que esixen incondicional acatamento, o dono dos bens que desexamos indebidamente é alguén que nos cobra o prezo da dignidade por lucilos e o pai a quen honrar pode ser o violador da súa propia filla. E así imos percorrendo un mundo onde o mal é non estar ó lado do capo-deus que sobrevoa e regula a existencia de todos os personaxes destes dez contos, enfrontados á realidade dunha sociedade dominada polos excesos, a ambición, a inmoralidade e os instintos primarios. Pero hoxe, tras ver unha arrepiante escena de violencia entre adolescentes, detéñome no capítulo quinto, aquel que di «non matarás», porque me fixo entender que moitas veces, para formar asasinos, basta con poñerlle na man o joystick dunha Play Station.

O conto retrata a escena familiar dunha mañá de domingo, co pai xogando na compaña do seu fillo pequeno a un deses xogos nos que vas sumando puntos mentres lle disparas a un suposto exército inimigo. dezÉ o pai quen manexa os mandos e o neno exerce de animador. Van gañando puntos ata bater todas as marcas e amosan orgullo e alegría por iso, e entre a euforia e a ambición de puntuar tamén cometen o erro de disparar contra unha ambulancia que se cruza no camiño e destrúena, o cal lle resta puntos, pero non importa (din eles), porque aínda perdendo eses puntos seguen gañando: Só lles importa bater marcas á conta de quen sexa. O conto ten moitas máis cousas, pero este simple feito xa é indicativo de onde están os valores que ese pai, inocentemente, lle está inculcando ó cativo. Un pai que pasa o tempo co rapaz e lévao ó parque de atraccións, que quere que estude e xogue ó fútbol, que non lle deixa disparar nin coa Playstation nin coa escopeta da feira, pero que lle está inculcando que o importante é gañar e superar ós demais sen medir os custes.

Adianto que, á parte de todo o que logo saberemos, no referente ó amor paterno-filial, é un pai coma calquera de nós. Quen non xogou co seu fillo a matar marcianiños?, quen non presumiu diante do seu crío de ter boa puntería na caseta de tiro?, quen non converteu un inocente xogo de mesa nunha competición entre o orgullo da vitoria e a humillación da derrota?. Así de retorcidos somos cando a prédica e a actuación non se acompañan. Intúese que o mesmo protagonista deste conto ten unha profesión nada recomendable, pero aí o está exercendo a súa paternidade con todos os coidados e amor de que é capaz, un cariño que leva ó neno a dicir en varias ocasión que de maior quere ser coma seu pai. E iso é o único que o pai non quere.

Un comentario en “Adestrando asasinos

  1. ¡Interesante! así parece realmente el libro del italiano Andrej Longo.
    ¡ Qué buenos y divertidos eran nuestros cándidos e inocentes juegos ! Esa actitud amoral a la que te refieres, Francisco, puede llamarse sin duda, “manipulación de los agravios”. Enseñar el odio a un niño desde la infancia, demuestra insuficiencia mental. Los juegos debieran ser didácticos y nunca, bélicos.

    Sobre los Mandamientos, leí no hace mucho tiempo, de Liborio Porset, algo divertido y diferente al “Dieci” de Andrej Longo. Esto era sobre la amenaza del infierno. Los Diez Mandamientos amenazantes, y sobre todo uno. Te cuento:

    A un quinto que era de Pinto,
    amó a la hija de Modesto,
    más con tan mudable instinto,
    que antes de olvidar al quinto
    le empezó a gustar el sexto.

    Besiños palmeiráns, querido vecino.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *