Paisaxe marítima

clean-up-4236380_960_720María Xesús Blanco. Un vaso de iogur, unha botella pequena de auga e unha bolsa baleira de pipas. Plásticos abandonados na area. A luz de maio reflíctese neles coma se fosen espellos opacos. O paseo resultaría máis agradable se non fose este nordés que arrefría as orellas. O iris quere gozar do contorno. Mais é tan inevitábel como imposíbel seguir coa mirada o periplo tolo do lixo esparexido. De súpeto, un anaco de mangueira e un envase de deterxente líquido. Fixen moitas veces este percorrido e lembraba unha paisaxe diferente. No pensamento xorden esas imaxes que se repiten unha e outra vez nas redes sociais, nos telexornais. Peixes enfermos e moribundos nun océano anegado de plásticos. Fotografías de milleiros de bolsas amontoadas e obxectos diversos flotando na auga salgada. Din que camiñar con frecuencia, mergullados nun ambiente natural, aumenta anos de vida. Pois hoxe percibo un desacougo pouco saudábel. E ao mesmo tempo que avanzo pola pasarela de madeira non deixo de cavilar na ausencia de medidas contundentes e efectivas que reduzan o uso deste material na vida cotiá. Porque agora todos sabemos que só se pode reciclar e volver usar unha cantidade mínima. E tamén que unha organización como Greenpeace leva razón denunciando, dende hai décadas, que as políticas medioambientais son erróneas e incoherentes. Dalgunha maneira semellan seguir estando ao servizo de intereses comerciais e consumistas que non lles preocupa o cambio climático nin a desfeita ecolóxica dos nosos mares.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>