A esquecida lección dos mestres

castelao_maxistral_editX. Ricardo Losada. Xa teño comentado neste mesmo Café que a primeira vez que visitei a exposición Castelao maxistral non puiden contemplala con ecuanimidade e rigor porque, no medio dun grupo organizado de visitantes, deixeime dominar por un lexítimo e fermoso orgullo de ser rianxeiro como Castelao. Por iso, a segunda visita fíxena só. E esta vez si puiden imbuírme do espírito que a exposición trata de transmitir. O amor de Castelao pola humanidade a través das peculiaridades culturais, políticas e históricas da súa propia nación. O seu cadro A derradeira lección do mestre, eixo central da exposición, é un claro exemplo dese espírito. A morte do membro do Partido Galeguista Alexandre Bóveda a mans do réxime franquista é unha denuncia da represión fanática e xenocida de calquera totalitarismo contra a liberdade de expresión e conciencia, e un cadro que debese servir para recordarnos, sobre todo en tempos coma este, o custe que ten baixar a garda ante ese tipo de comportamentos.

      Cando saín da exposición, tocado tanto polo meu emotivo espírito rianxeiro como polo racional espírito humanístico que toda boa exposición debe provocar, fiquei sentado nun dos bancos da Cidade da Cultura pensando que dirían os grandes autores rianxeiros sobre eses estudantes que de forma recorrente saen nas noticias tratando de impedir que políticos de ideas contrarias ás súas poidan dar na universidade unha conferencia, estudantes que, en moitos casos, non só reivindican este fermoso cadro de Castelao, senón que mesmo se emocionan ao velo. Non teño ningunha dúbida de que Faustino Rey Romero, polo seu franciscanismo (mesmo lle parecería mal que non deixasen conferenciar a un burro, un sapo ou unha rosa), os criticaría. O mesmo faría Rafael Dieste pois, como moi ben di Luís Rei Núñez, na súa recente biografía, aprendeu con el “o aborrecemento por todas as tiranías, especialmente polas que invocan o sacrosanto servizo á clase obreira e logo perseguen a disidencia (tamén obreira) e teñen cárceres cheos de presos de conciencia (en boa proporción, igualmente, obreiros)”. castelao_web_refuxiaTeño as miñas dúbidas sobre a postura do Manuel Antonio que escribiu o manifesto Máis alá ou defendeu en privado a violencia, e esas dúbidas dirían pouco, ao meu entender, sobre a súa moralidade se non fose, como creo ter demostrado na biografía que escribín sobre el, que obedecían máis a cuestións psicolóxicas que a cuestións políticas ou morais.

     E que diría o implicado? Non teño ningunha dúbida de que os herdeiros políticos de Castelao son os nacionalistas. Pero tampouco de que os herdeiros éticos son todos os seres humanos e que, para el, a ética estaba por riba da política. Todos dentro ou todos fóra, dixo, pero non metade e metade; unha frase que, se a dixese en sentido político partidista, converteríao nun político totalitario, algo que, desde logo, non era. Eses dous nenos do cadro non choran un mestre nacionalista asasinado pola barbarie totalitaria. Choran un ser humano asasinado pola barbarie totalitaria. Por iso, aínda que comprendo, mesmo animo, a que se reivindique a súa figura política partidista, creo que é máis urxente ca nunca que se reivindique antes, e con máis vigor, a súa enorme figura ética. Podo dubidar sobre que sería mellor para os galegos, vivir nun país independente, nunha España confederal ou nunha España federal. Pero non teño ningunha dúbida de que Castelao rexeitaría, como o mestre do cadro, calquera deses sistemas políticos se non impuña como condición ineludible de cidadanía ser humano antes que galego.

3 comentarios en “A esquecida lección dos mestres

  1. Pois mira, ser unha mestra da tua idade, a mín tamén me rexuvenece.
    Por tanto, como “profe” xuiciosa, non podo mandarche biquiños, trasládoche un cordial apretón na diestra (ou na sinistra ) pero sempre cordial. Saude.

  2. Prezada Magdalena:

    Dáme a impresión de que está aumentando o número de persoas que buscan unha coartada racional para o seu odio, e preocúpame. Son un perigo para a convivencia.
    Por outro lado, ou polo mesmo, paréceme incrible o dogmatismo reinante, a cantidade de impresentables que falan cunha seguridade incrible sobre o que descoñecen. Eu, canto máis leo, canto máis reflexiono sobre os problemas, máis dúbidas teño. O outro día Vattimo dicía nunha entrevista que agarda non estar aquí cando todo estoupe. Eu négome a ser pesimista, pero, a verdade, cústame.
    Non coñecía a cita de Poncela sobre a filosofía. Moi boa.
    Acepto encantado o cambio de roles. Ser alumno rexuvenece.
    Apertas agradecidas

  3. Querido profesor:

    Si se cambiaran las tornas y fuese yo hoy la profesora, te daría un diez. Creo que sabes que a pesar de que alguna vez discrepamos en alguna u otra cosa, nos queremos y nos profesamos afecto mutuo, pero hoy me tomo la libertad de calificar tu artículo no como admiradora, sino como una persona que cree exactamente lo que tú predicas en este admirable artículo.
    Hay mucha gente que no sabe predicar con el ejemplo y solamente los que tienen sus ideas son los buenos, no han aprendido que no hay ley sin contenido ético, y abuchear a los que no son de su cuerda, es falta de honradez y ética. Por calificarlos de alguna manera diré, que son gente de honestidad ausente a pesar de que e pongan la aureola de mártir cuando les conviene.

    Creo que fue Poncela el que opinó que la “Filosofía es la Física Recreativa del alma”. Hoy al leerte, me he recreado en tu entrada cargada de filosofía comunista; quiero decir: de filosofía igualitaria.

    Besiños palmeiráns, querido J.R. Voy a volver a recrearme.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *