Galileo no espello da noite, de Xabier Paz

9788491215486Xerardo AgraFoxo. Despois da publicación de A galera de Xelmírez (2015), ambientada na Era de Compostela, e Anibal e a Pintora (2017), baseada na violación da artista Artemisia Gentileschi, sae agora á luz Galileo no espello da noite (2019), o último volume dunha triloxía histórica. Tal como se desprende do título, esta novela ten como principal protagonista a Galileo Galilei, o sabio florentino perseguido polo Santo Oficio. A obra comeza cun interrogatorio (A semana máis aciaga da miña vida), segue coa súa andaina pola Toscana (Tomei posesión na corte dos Médicis) e remata coa súa morte uns anos despois (O novo ano non me trae melloras na saúde e fico encamado).

Pero Xabier Paz (A Coruña, 1949), ademais de empregar a primeira persoa na meirande parte da obra, que semella unha peza tecida polo mesmo Galileo, tamén se vale dun relator omnisciente (Vicenzo escoita atento e séntese ledo polas confidencias do vello mestre) e outras voces narrativas. Así,  no capítulo XXXVIII, emprega con habelencia a primeira persoa (O novo ano non me trae melloras), un relator (O vello sabio fina de madrugada)  e as confesións do mozo/biógrafo Vicenzo Viviani (Atacado por unha febre persistente e de palpitacións no corazón).

descargaUnha fórmula literaria que salienta as características literarias desta novela onde os documentos sobre o seu proceso/Santo Oficio, as emotivas cartas da súa filla Virginia/Celeste e as propias confesións de Galileo e os seus compañeiros de desgraza, nos axudan a coñecer como foi perseguido aquel home que gozaba dun intelecto extraordinario e xenial.

Sen dúbida estamos ante un excelente libro, onde se recolle a traxedia que viviu aquel sabio ameazado pola ignorancia e a intransixencia (E pedíuseme que dixera a verdade ou, do contrario, habería que recorrer á tortura). Esas sombras que sempre nos espreitan e que Xabier Paz denuncia con firmeza (nestes días de loito e rancor). A tarefa documental de Galileo e o espello da noite  semella extraordinaria, a riqueza lingüística resulta moi acaída para retratar aquela época e o desenvolvemento argumental, exposto en tres capítulos ben diferenciados, constitúen un claro exemplo de como se pode crear un relato histórico dunha maneira amena e didáctica.

Un comentario en “Galileo no espello da noite, de Xabier Paz

  1. Caro Antón, moitas grazas polo detalle. É una honra ter a túa atención, talvez un dos autores que máis admiro e co que tanto teño gozado lendo algún dos teus libros: As rulas de Bakuniiin, Laura no deserto ou Os elefentates de Sokúrov.

    Unha aperta agradecida, Xabier Paz

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *