Da escuridade

non-376543_1280Fidel Vidal. A palabra escuro, de obscurus (cuberto, non visible e confuso), está formada polo prefixo ob- (enfrontamento, oposición) e unha raíz indoeuropea (s)keu- (cubrir, agochar). Defínese como aquilo que emite, recibe ou reflicte pouca ou ningunha luz. Algo tenebroso, críptico, ignoto, que provoca dúbidas e inseguridades. Equivale a opacidade, turbio ou lóbrego: o cuarto escuro. O mesmo Deus tivo medo das tebras e da escuridade como se fose un cativo. Para se zafar do temor e do susto prendeu a luz facendo uso das palabras máxicas: “Fágase a luz”. E a luz fíxose. “E viu Deus que a luz era boa, e separou a luz das tebras. E chamou Deus á luz Día, e ás tebras Noite”.

A primeira pregunta de John Christie foi especialmente sinxela: “Como deberiamos comezar?” Berger respondeu: “Envíame unha cor”. “E unha mancha de cor vermella coma o cadmio cruzou o canal”. Despois seguiron outras cartas con cadansúa cor en forma de libriños de autor, até chegar o negro (ou gris) ao dar coa cova de Chavet, da que John Berger afirma: “Non temos unha palabra para esta escuridade, a escuridade que está directamente relacionada coa luz. Non é noite nin se trata de ignorancia (…) Quizais é o interior do que partiu todo”. O interior da noite escura da alma, de san Juan de la Cruz? O lugar íntimo do que todo nace, mesmo a arte, toda a arte, e que Paul Klee define como “memoria das nosas escuras orixes, cuxos fragmentos viven no artista para sempre” (I send you this Cadmiun Red, Cartas entre John Berger e John Christie, ACTAR, 2000).

Darkness, Dunkelheit, Oscuridad, Obscurité, son os nomes que apunta ao pé de cada fragmento de cartón en diferentes tons de gris ou negro. “Darkness”, escuridade en inglés tamén é o título dunha película de terror nunha casa onde aconteceu un antigo acto de maldade. “Dunkelheit” en alemán, tebras, nome dunha canción do proxecto Burzum, que significa “escuridade” en lingua negra, o idioma de Mordor, inventado por J. R. R. Tolkien (O Señor dos Aneis). Segundo Vikernes, “o mundo necesita escuridade, porque o exceso de luz non nos ilumina nin nos abriga senón que nos cega e nos abrasa”, e esta é a idea que subxace no nome. A letra di: Cando cae a noite/ cobre o mundo nunha escuridade impenetrable./ Un calafrío xorde/ do chan/ e contamina o ar. Noite pechada. “Obscurité”, ausencia de luz, ambigüidade, dúbida, misterio. “O día 10 de agosto de 1993, Vikernes asasinou a Øystein Aarseth (Euronymus) a puñaladas na súa casa, polo que foi condenado a unha pena de 21 anos de prisión, a máxima en toda a  historia de Noruega”.    

girl-564460_960_720 “A cor é a luz perturbadora”. “A luz, como a cor, oxida, corroe, queima”. “Ao pórse o sol o bosque encheuse de negrura, non da cor negra, senón do misterio, do convite da cor negra”.  “A escuridade é como o silencio. E o silencio é a nai dos sons como a cor negra é nai da cor” (Berger). Un convite que pode levarnos cara á perversidade, á crueldade. Mais esa negrura vaise percibir como inquietante, mesmo tenebrosa. A negrume, o neboeiro espeso, o María Moliner recóllea, en sentido figurado, como “sombra”, sinalando ideas, estado de ánimo, ou perspectivas “tristes ou pesimistas”.

A escuridade perturbadora, a cor da sombra que perturba e inquieta. O lado escuro é lugar do mal e dos monstros, do sinistro, do unheimlich. O que causa espanto. A voz alemá “unheimlich” é antónima da “heimlich” e de “heimisch” (íntimo, secreto e familiar, doméstico, moi da súa casa), “impóndose en consecuencia a dedución de que o sinistro causa espanto precisamente porque non é coñecido, familiar” (S. Freud, O sinistro, 1919). Sospeitoso e de mal agoiro. Antes de Freud, Schelling define a noción de “estrañeza inquietante”, como “o que debería quedar oculto, secreto, pero que se manifestou”. Que se manifestou, quen e onde? O complexo desta inquietante estrañeza refírese a fenómenos psicolóxicos relacionados co temor, co fantasma, co pavoroso. Co monstro ao axexo na negrura da sombra do corredor polo que neno ten que pasar para ir ao seu cuarto.

3 comentarios en “Da escuridade

  1. ¡ Caray ! atenta de (atentado ) es más bonito, júbilo de ( jubilación ) querido ateo por la gracia de Dios. Como no te enmiendes vas a morir como se mueren los papas: sin recibir la bendición de Su Santidad.
    Y sin ver la LUZ AZUL de la pErdUrAcIÓn de los siglos.

    Bicos, muá, muá, muá…

  2. Buenos días, querido Fidel:
    Me gusta leerte siempre, porque la mayoría de los nombres cuya etimología ignoro, sabes explicarlos como un buen maestro que enseña con precisión al alumno que gusta de apuntar todo lo que le agrada saber – es mi caso – ob, ( enfrentamiento, oposición ) desde hoy queda en negro sobre blanco en otra de mis libretas. Merci beaucoup.

    Otra de las muchas cosas que me han gustado de tu entrada es esta frase: ” O mesmo Deus tivo medo…” Me sonreí al leer esto de un agnóstico, pues para alguien creyente como yo, es un placer que un escéptico lo cite aunque sea para decir que el Supremo Hacedor, tuvo miedo, luego, me acordé de aquella frase : “Todo antisemita tiene su judío, todo republicano tiene su rey y todo anticlerical tiene su cura”.

    Nuestra Rosalía también tuvo miedo de la oscuridad, nos lo demostró con su: Negra sombra. ” Cando penso que te fuches, Negra Sombra que me asombras, ó pé dos meus cabezales tornas facéndome mofa”.

    Un gustazo leerte, querido Fidel. Biquiños palmeiráns.

    ATEO POR ARABIA IBA RARO POETA, llevaba tIrAbUzOnEs.

    1. Gustazo correspondido, miña atenta (de atentado) Magdalena:
      En efecto, “todo antisemita ten o seu nazi, todo rei o seu elefante e todo cura o seu pederasta”. Como toda bruxa a súa fada, a galiña o seu raposo, cada san Martiño o seu cocho, o lobo o seu leñador, cada virxe a súa puta, cada rá o seu príncipe ou cada rico o seu pobre (polo Nadal), e así poderíamos continuar.
      Ateo grazas a Deus, é unha certeza que non ofrece réplica posible.
      Pola miña banda lembro unha frase que escoitei do meu avó: “Á porta do rezador non botes o millo ó sol”.
      cOnvEntUAIs: A SOR ANA NA ROSA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>