Armando a Maradona

Maradona_vs_englandX. Ricardo Losada. No mundial de México de 1986, Maradona meteulle a Inglaterra, nun partido marcado pola recente guerra das Malvinas, un dos goles máis fermosos da historia do fútbol. Un gol que, para máis, tivo a sorte de ser narrado en directo, dunha forma extraordinaria, polo locutor arxentino Víctor Hugo Morales: “Ahí la tiene Maradona, lo marcan dos, pisa la pelota Maradona. Arranca por la derecha el genio del futbol mundial. Puede tocar para Burruchaga…Siempre Maradona. ¡Genio, genio, genio! Ta, ta, ta, ta, ta… ¡Goooool!, ¡goooool! ¡Quiero llorar! ¡Dios santo, viva el fútbol! ¡Golaaaazo! ¡Diegoooo! ¡Maradona! Es para llorar, perdónenme, Maradona en recorrida memorable, en la jugada de todos los tiempos: barrilete cósmico, ¿de qué planeta viniste para dejar en el camino a tanto inglés, para que el país sea un puño apretado gritando por Argentina? Argentina 2-Inglaterra 0. ¡Diego, Diego! Diego Armando Maradona. Gracias, Dios, por Maradona, por estas lágrimas, por este Argentina 2-Inglaterra 0».

     Como en Arxentina barrilete fai referencia a unha desas cometas que tanto lles gustan aos nenos, é moi probable que o comentarista estivese influído por unhas declaracións de Menotti, previas a ese mundial, nas que dicía que Maradona pasara vivindo en Napoles os últimos anos como un barrilete, “que si voy o no voy”. Aínda así, debo recoñecer que a min gústame máis a versión que me veu á cabeza a primeira vez que oín esa narración, cando xa Maradona se retirara e tiña o biotipo que máis ou menos ten agora. Porque barrilete, na miña infancia, chamabámoslle a quen tiña un deses bandullos que exemplificaba á perfección o dito De esta vida llevarás panza llena y nada más. Probade a oír a narración (está en Youtube) sen ver as imaxes do partido, pero imaxinando que o protagonista dese golazo ten o sobrepeso que ten agora, e oídea despois vendo as imaxes reais cun Maradona a tipo. Seguro que vos parece, como a min, que nas imaxes reais o relato gana en lóxica deportiva pero perde en épica mitolóxica. É o mesmo que me pasaría, xa que falamos de México, se me retratasen a Pancho Villa co tipo de Sylvester Stallone en Rocky. Deixaría de ser o gran heroe que na miña mitoloxía persoal ten biotipo de barrilete no sentido dixestivo da miña nenez.

 15583870527634     Hai pouco, tras estrearse o documental de Asif Kapadia Diego Maradona, o ex-preparador físico do astro arxentino Fernando Signonini dixo que el iría á fin do mundo con Diego, pero con Maradona non daría un só paso. Diego era un mozo tímido que nacera en Villa Fiorito, un barrio marxinal de Bos Aires, que intentou sacar adiante desde os quince anos a súa familia, e que era moi amigo dos seus amigos. Maradona era un personaxe vividor, excesivo e arrogante que Diego creara para poder enfrontarse á inmensa fama e á presión que chegou a acadar en todo o mundo. Entendo o que quere dicir Signonini e estou de acordo con el. Pero, debo recoñecer, en canto estou de acordo, deixo de estalo. Se eu tivese que escoller chamarlle Pancho ou Villa a Pancho Villa, escollería, sen ningún tipo de dúbida, o nome que máis se corresponde coa imaxe que eu teño del: Pancho, mesmo en diminutivo: Panchito. Pero, se tivese que escoller chamarlle Diego ou Maradona a Diego Maradona, escollería Diego Armando Maradona, xa que Diego armou a Maradona, e Maradona deixouse armar por Diego. Iso si. Seguiría véndoo como un barrilete pois un barrilete, no sentido da miña infancia, pode facer no mundo real unha revolución política, pero só pode meter un gol tan utópico (vinganza política e deportiva ao mesmo tempo), como aquel do mundial de México, no mundo mitolóxico. E hoxe, no mundo real, Maradona só ten dignidade como un mito.

4 comentarios en “Armando a Maradona

  1. Prezada Carmen:

    Eu tiña un amigo na facultade que se facía o despistado porque lera que os xenios eran despistados. É fácil saber que non é o teu caso porque a el os despistes sempre o favorecían.

    Xa te deches conta de que mandaches a carta a un remitente equivocado, pero o enderezo da casa familiar é a mesma. Así que é un despiste relativo.

    Nunca fun capaz de “ver” os partidos de fútbol na radio, nin imaxinalos, por moi bo que fora o locutor. Supoño que sería debido a que pasaba o día imaxinando partidos de fútbol no que eu era xogador profesional.
    Encantaríame escribir unha biografía de Maradona, como xa dixen, pero Messi é, para min, superior futbolisticamente, sobre todo o primeiro, aquel que, dixo alguén, parecía xogar coas mans nos petos.

    Apertas rianxeiras

  2. Querido profesor:
    Tiñan razón os meus compañeiros cando me dixeron na miña xubilación: “Carmen, ahora que vas a tener tiempo, escribe una antología del despiste”. Enganáronse na cuestión do tempo: nunca andiven máis falta del que agora. Os que van en aumento son os despistes.
    Avisoume Magdalena do erro. Volvín a envia-lo -o comentario, esta volta no seu sitio-; pero boto de conta que segundas partes, co mesmo texto, non valen. A primeira foi a parar (ou dise “foi parar”?) no artigo de Marina Losada. (Ó parecer, todo queda na casa).
    Bonitos sonos.

  3. Prezada Magdalena:

    Non me gustan os tópicos, menos aínda sobre nacionalidades (os galegos case sempre saímos mal parados), pero, neste caso, non o vou discutir. Eu tamén teño experiencias parecidas con arxentinos.

    Creo que Messi é superior a Maradona como futbolista, pero non como mito, nin como ser humano. Preferiría facer unha biografía sobre Maradona que sobre Messi.

    Xa sabes que hai moitas teorías e estudos sobre a relación entre xenialidade e loucura, mesmo con conclusións antagónicas. O importante é que non lles chamemos tolos aos que teñen unha mirada distinta. Moitos dos grandes benefactores da humanidade foron considerados tolos na súa época.

    O mesmo digo. Un honor ler os teus comentarios, e un honor maior que sexas
    lectora dos meus escritos.

    Bicos rianxeiros

  4. ¿ Cómo no iba a narrar bien ese gol el locutor, llamándose Víctor Hugo y siendo argentino ?
    En una ocasión escuché por la radio a un médico argentino dando una lección de sexología y te aseguro que ilustraba más al oyente, que leyendo el “Cantar de los cantares y que el “Kamasutra”.

    Y yendo a, Diego Armando, también opino que para mí, ha sido un dios del balón, el hombre-pararrayos que atraía la atención sobre sí allí donde él estaba, pero se endiosó, y con aquella manada de escualos que lo rodeaban sin atreverse a reprobar su comportamiento lenguaraz, se convirtió en un “pasota” mal educado, y hasta para el pasota hay unas reglas que no se deben pasar por muy Maradona que seas.
    Dicen que la línea que separa la locura de la genialidad es muy delgada, casi imperceptible; yo ahora en Diego Armando, solo encuentro la primera. Creo que a Fernando Signonini, no le falta la razón.

    Es muy bueno ese juego de palabras que empleas: “Diego armou a Maradona, e Maradona deixouse armar por Diego”. Yo pienso que Diego sí, armó a Maradona pero, Maradona en lo concerniente a sus dotes intelectuales y morales, se dejó armar muy mal.

    En el libro que estoy leyendo de Fidel Vidal, dice esto Enrique V de Shakespeare:
    “Que cousa distingue un rei doutro home ? ; o cerimonial”.

    Maradona, fue un rey mientras duró su ceremonial, ahora es un hombre de altanera actitud simplemente.

    Besiños palmeiráns, querido profesor. Un honor leerte en cualquiera de tus múltiples facetas literarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *