De escola e innovación…

Mesa Rede InnovaciónPilar Sampedro. Hai unhas semanas, a Revista Galega de Educación e o Ateneo de Santiago organizaron unha mesa redonda con catro profesionais de recoñecido prestixio, baixo o título “A escola que construímos”. Tratábase de falar acerca das dificultades e oportunidades para educar neste contexto político, social, tecnolóxico, lingüístico…; da presenza dunha escola innovadora na Galicia actual a través de experiencias de boas prácticas con evidencias contrastadas, e das posibilidades para manterse e ampliarse.

Participaban Sonia Fernández (profesora de Matemáticas en Secundaria, secretaria de Nova Escola Galega e vinculada ao STEG, Teresa Neira (profesora de Infantil, vinculada á aprendizaxe da lingua escrita desde o enfoque construtivista e ao CEDEC na elaboración de Recursos Educativos Abertos), Cristina Novoa (Asesoría de bibliotecas escolares, vinculada ao Consello de Cooperación Bibliotecaria) e Santiago Veloso (profesor, fundador e presidente da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas –ONG consultora da UNESCO para o Patrimonio Cultural Inmaterial–). Polo tanto, profesorado con experiencia e reflexión para analizar a actualidade educativa despois de traballar desde os presupostos da innovación ao longo do tempo. Ben é certo que cada unha destas persoas procede dun campo de actuación e unha etapa educativa; secundaria, infantil, primaria, educación para a igualdade, construtivismo, bibliotecas escolares, tradición oral no espazo de encontro da lusofonía… pero acostumados a asumir o feito educativo en conxunto. Dúas experiencias de éxito (Bibliotecas escolares e Ponte nas ondas) e dúas traxectorias empeñadas en cambiar o traballo diario nas súas etapas educativas.

Deste encontro, ademais de coñecer máis de preto os seus ámbitos de traballo extraería algunha das conclusións seguintes:

A lexislación non só non impide a innovación senón que ofrece oportunidades (como o traballo por competencias) aínda que sexan os contidos da selectividade, a burocracia, a falta dunha formación científica a nivel inicial e permanente, a burocratización… as que poñen paus nas rodas. Nunca foi tan necesario que o profesorado sexa proactivo (“as bibliotecas escolares son para valentes” apuntaba Cristina Novoa),

O seguidismo de modas e falsos mitos na formación e na intervención nos centros está a crear un simulacro de innovación errónea que confunde ao profesorado e ás familias. Do mesmo xeito, estase a facer unha utilización perversa do léxico.

O fallo no traballo por competencias e o traballo por proxectos vén, moitas veces, de non ter hábito nin contar coas condicións para traballar en equipo. A sociedade do coñecemento fai que nos cuestionemos que e como ensinar, obrigándonos a asumir competencias tan imprescindibles como a de aprender a aprender.

A falta de sentido común afecta, e non pouco, a campos que van desde a incorporación das linguas ou das ferramentas tecnolóxicas, sen reflexión.

E a proletarización do profesorado e a desvalorización social fai necesario reinventarse, mudando a cultura profesional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *