Exposicións enriquecidas (1): Sonoro empeño. A música nas coleccións de arte Abanca e Afundación

sonoro_ou__widePilar Sampedro. Se buscamos música na pintura, seguro que a atopamos. Cantos músicos, cantas mulleres ao piano, cantos bodegóns con instrumentos musicais, cantas partituras, cantas liñas marcando un ritmo, cantos pasos de baile… e así, nas coleccións citadas (Abanca e Afundación) aparecen ata cincuenta obras de autores como Kandinsky, Picasso, Lugrís, Broto, Xaime Quessada, Castelao, Rafael Úbeda, Menchu Lamas ou Caruncho. Obras que nos remiten á música na súa representación.

Unha vez seleccionadas estas obras, toca enriquecer a mostra. Farase por medio dunha música de fondo nas salas, a base de pequenos concertos ou presentación de discos; de obradoiros dirixidos a todos os públicos e de proxeccións cinematográficas relacionadas tamén coa música.

Que doado resulta facer ben as cousas, non é? Relacionar as diferentes mostras artísticas, introducir incluso a danza, e continuar o percorrido polas diferentes manifestacións de forma que se amplíen horizontes que antes non se viron. Se ademais, como é o caso, a mostra (con todos os seus aditamentos) pode trasladarse de cidade en cidade, polos locais que a entidade ten ao longo do país, temos un bo proxecto en marcha que nin sequera vai saír caro.

Agora que xa non é tan estraño que un escritor nos pase os seus textos coa referencia ás músicas coas que foron creados e/ou coas que considera que deben ser lidos; agora que o cine acompaña os movementos artísticos ou algún dos seus creadores ou obras (como sucede en La joven de la perla ou El sol del membrillo) e que as novelas nos relatan un tempo que apetece coñecer, como eses derradeiros días de Van Gogh tal como sucede en O pintor do sombreiro de malvas ou na noveliña de Estévez, Avións de papel, ao introducir a estética de Hoppera relacións entre as artes vaise complementando igual que o fan as obras coa etapa histórica; agora que os compositores de música contemporánea pasan polo CGAC para presentar as súas obras en relación ás exposicións que podemos contemplar, debemos dar un paso máis e asumir esa mestura de artes que nos enriquece. Teremos que seguir dándolles voltas a estas temáticas que, nas coleccións, darán pé a múltiples xogos.

E seguir gozando de todas e cada unha das manifestacións artísticas que nos depara o día a día da cidade.

E… para non esquecer a dura realidade, toca apenarnos –unha vez máis– porque estas coleccións de arte (Abanca e Afundación) non sexan públicas, de todos os galegos e galegas que fomos quen realmente as mercou, cos aforros que puxemos nas mans de banqueiros e políticos nos que confiamos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *