Narrador e biógrafo de Rianxo

Foto: Marcos Creo
Foto: Marcos Creo

Pastor Rodríguez. Xosé Ricardo Losada, nacido en Rianxo en 1961, profesor de Filosofía no ensino medio, colaborador de La Voz de Galicia e da revista noiesa Alameda, no ano 2005 publicou un libro de relatos, O xene da chuvia, onde xa se manifestaba a súa mirada diferente e orixinal.

Dedicado á biografía, tamén neste xénero conseguiu outra forma orixinal de enfrontarse á vida e á obra das personalidades literarias que mereceron a súa atención. No ano 2013 compilou a obra do poeta de Isorna, Faustino Rey Romero: Faustino Rey Romero: obra poética e teolóxica (Galaxia). En 2015 publica Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo (Vigo, Xerais).

No ano 2017 volve á narrativa coa novela Bótame deste mar fóra (Noia, Toxosoutos), onde interese e humor combinan nunha orixinal urdime narrativa.

En 2018 edita Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego (Vigo, Galaxia), para deitar unha interpretación persoal e orixinal sobre un dos grandes enigmas da poesía galega, o poemario De catro a catro (1928), o libro por antonomasia da vangarda galega. A través da literatura quere o biógrafo dilucidar as características vitais do poeta, máis alá do mito.

No ano 2008 compilou o volume Dez anos de poesía. Premio Faustino Rey Romero, para o concello de Rianxo. É, ademais, colaborador de Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza e doutras revistas culturais, ademais dun dos membros máis activos do blog literario Cafebarbantia.

Resultou gañador do Premio Viadutos de Novela 2019 do Concello de Redondela coa novela A casa xunto ao volcán, que será editada pola editorial Galaxia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *