Os cobrados de Noia na Idade Moderna

BS27P1F1_223436Xerardo AgraFoxo. Os Foros de Noia, promulgados en tempos de arcebispo Xoán Arias (1238-1266), ofrecen as primeiras noticias sobre a composición do seu concello municipal, a duración do mandato dos alcaldes, o seu modo de elección e a curiosa institución dos cobrados. Amais, determinan as competencias que posuían os prelados de Compostela sobre Noia: administración de xustiza, percepción de rendas e tributos, mantemento da orde pública, esixencia de prestación de servizos militares, nomeamento de axentes da autoridade señorial e concesión de estatutos especiais.

Un documento do século XVI pertencente ao Libro de Actas do Concello (1589) amosa de maneira rigorosa o regulamento do goberno local e as súas institucións propias. Neste importante cartafol aparece a forma de nomeamento dos alcaldes durante a Idade Moderna e a relación das familias de Noia que propoñían os candidatos que despois se elixían como novos alcaldes ordinarios.

O devandito documento comeza coa indicación da data e a exposición do motivo da reunión das autoridades municipais celebrada dentro dos muros da igrexa de San Martiño: «Nombramento de los alcaldes del año de mil e quinientos e ochenta y nueve. En la dicha villa de noya y dentro de la iglesia de san martin dell… para que fuesen helegidas las seis personas que se an de poner en la carta de cobrados para ser alcaldes en la dicha villa».

Da análise desta Acta Documental cómpre salientar que o nomeamento dos alcaldes facíase todos os anos na igrexa parroquial, o primeiro día de cada ano e en presenza dos membros da Xustiza e Rexemento da vila e demais veciños do concello que presenciaban como seis persoas, en representación dos señores ou familias que tiñan a potestade de propoñer cobrados, elixían seis candidatos dos cales o señor da vila, é dicir, o arcebispo de Santiago ou, neste caso, o xenovés Baltasar Lomelín que lle mercara a vila a Filipe II, escollían dous para ocupar o posto de alcaldes ordinarios ou xustizas legas.

Dun traballo de Antonio López Ferreiro extráese tamén un documento sobre a maneira coa que os prelados da Mitra Compostelá debían administrar a súa xurisdición: «El concejo deve a dar al arçobispo o a su vicario seys onbres buenos desa villa cada ano por cobrados; dos quaes deve escojer dos e darlos por justicias e faserlles jurar e sus manos o de su vigario». A norma establecía que os membros do Concello se convocaran a son de campaña tañida, que os cobrados propostos tivesen a aceptación ou aclamación dos veciños asistentes cada primeiro de xaneiro na igrexa de San Martiño e, finalmente, que fosen persoas que cumprisen dúas condicións básicas: non tivesen pendentes establecemento comercial algún e que tampouco tivesen pendentes de resolver ningún litixio coa Xusticia e Reximento da vila, sendo rexeitados, niste caso como aconteceu en máis dunha ocasión. Sabemos que as seis familias propietarias de cobrados eran nesta época os Guillelme, Afonso, Carneiro, Carnicería, Bochón e Daponte. Seis nomes vinculados coa burguesía máis influínte da vila durante o medievo e que terán voz propia ata a Constitución de Cádiz de 1812 que rematou cos privilexios dos señoríos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *