Onde o pouso?

Matalobos

Matalobos

Francisco Ant. Vidal Blanco. As ánimas galegas non purgan no purgatorio coma calquera fillo de cristiá, coma calquera desas outras das que nos fala a clerecía ou nos amosan os petos de ánimas, onde algún santo ou a mesma Virxe María trata de botarlles un cabo, un cordón ou a corda do escapulario para sacalas do lume purificador.

As ánimas galegas penan entre nós, que é como debe ser, dando a cara diante dos paisanos e obrigadas a corrixir os males feitos ou provocados, a pedir perdón ou unha axudiña dos vivos para facilitarlle o indulto ó seu tormento.

Nada de lume que castiga pero non remedia, queima pero non consume. Os finados galegos, cando chegan ás portas da outra vida axiña recoñecen as débedas incumpridas e volven para emendar o mal, para poñer cada cousa no seu sitio sen escorrer o vulto, a devolverlle a conduta a quen lla quitaron e os bens a quen llos roubaron, conscientes de que vagar sen rumbo é o maior suplicio que se pode padecer e canto antes o remedien antes alcanzan a paz do descanso. Rara é a parroquia, aldea ou lugar onde non se garda memoria dalgún defunto retornado do alén para reparar ou arranxar o dano causado querendo ou sen querer. Falta por facer o grande catálogo de tipos de penitentes, dos que todos debemos lembrar agora mesmo unha ducia deles ou algo máis, un inventario de ánimas como xa temos o de embarcacións tradicionais, árbores e flora autóctona.

marco1Precisamente, unha desas ánimas que non faltan en ningunha parroquia ou aldea, da que moitos poden asegurar que a teñen visto, intuído ou polo menos oído falar dela, é a ladroa de marcos, castigada a vagar eternamente coa sinalada pedra ó lombo, preguntando onde ha de pousala. E digo ladroa, porque a maioría de cantas se viron padecendo este martirio eran mulleres que por necesidade, ambición ou maldade cometeron o que vén sendo un dos maiores pecados que pode perpetrar o ser humano, tal é o de cambiar un marco de sitio para gañar unha cunca de terra, pois non só lle sacan ó veciño unha cunca de trigo, patacas ou millo, senón tamén ós seus herdeiros por todos e cantos anos lles queden de vida. O inamovible marco é a causa de que quen o troque se converta na outra vida nunha especie de Sísifo, arrastrándoo noite tras noite ata que os camiños sexan borrados e a parcelaria arrample con todo. Un suplicio sen caducidade, unha advertencia máis temible ca se fose escrita no Código Penal, pois non hai nada máis duro e triste ca que un finado non poida descansar en paz.

O marco é un límite inviolable. Aínda nos contaba un bombeiro como chegando para apagar un lume no monte, un dos operarios decatouse de que a partir de certa mouteira xa era outro concello e polo tanto non podían pasar e habían de ficar inactivos, deixándolle facer ó lume, mentres non chegaba a autorización do alcalde para cruzar os límites do municipio.

O sagrado marco que xa desde os tempos máis arcaicos se poñía con todo un ritual de ofrendas e invocación ós deuses da xustiza e do benestar, hoxe necesita da certificación dun perito para rubricalo en presenza de testemuñas e estremantes,

Mágoa que os xuíces non admitan o testemuño do visionario que viu e oíu ó penitente co marco ó lombo para reparar neste mundo o que se castiga na eternidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>