Galicia e os galegos na poesía castelá. CXXIX. Ximénez de Sandoval, falanxista

FXS7 H.Román Arén. Madrileño de 1903, o adxectivo falanxista non sería para Felipe Ximénez de Sandoval, avogado e diplomático, unha inxuria. Militante de Falanxe Española dende 1934, compañeiro e biógrafo de José Antonio, foi na preguerra un autor vangardista de mérito en novelas como Tres mujeres más Equis (1930), en pezas teatrais como Robinsón (1928) e Bacarrat (1933) e nas colaboracións en revistas como <Meseta>, <Mediodía> e <La Gaceta Literaria>. Antes da guerra civil aínda publicou outra novela, Los nueve puñales (1936), pastiche romántico, nunha liña narrativa que seguirá outro falanxista, Jacinto Miquelerena, en Don Adolfo el libertino. Xa na contenda foi popular por Camisa Azul (1938), unha novela de formación dun falanxista, que formaría familia literaria co Javier Mariño de Torrente Ballester e co Eugenio o la proclamación de la primavera de García Serrano.

Tras a guerra foi comentarista internacional de <Arriba>, biógrafo de estilo “imperial” con Colón (1953), dramaturgo máis convencional (Vuelo nocturno, 1946), ensaísta (La piel de toro) e autor de medianas novelas como Manuela Limón (1952) ou Un mundo en una celda. Morreu en 1978.

Traémolo á memoria por un “retablo poético” titulado Camino de Compostela (1954), que supoño vencellado á pretensión, só lograda parcialmente, do franquismo de revitalizar as peregrinaxes a Santiago. Desa obra son estes versos:

Camino de Compostela/franquearon los puertos/de Somport y Roncesvalles/los romeros/escandinavos, francés,/italianos y flamencos.

Este retablo poético de Ximénez de Sandoval, que ás veces asinaba “Tomás Crane”, subtitúlase “Leyenda de romeros en tres jornadas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *