Pilar Sampedro. O proxecto Imaxinando Compostela do Consorcio de Santiago, vencellado ao Xacobeo 2021, acolle exposicións varias. Unha delas é A paisaxe e a súa pegada, que consta de dúas mostras. Na Casa do Cabido podemos acceder, neste momento, á primeira delas na que catro fotógrafos amosan a súa visión do Camiño. Comisariada por Mercedes Rozas, mostra o traballo de Alberte Peiteavel, Javier Teniente, Sheila Pazos e Tino Viz.
Unir catro sensibilidades, catro maneiras de mirar, catro experiencias vitais, desde a foto que busca viaxeiros de Alberte Peiteavel á que recolle a dureza á que son sometidos os homes e mulleres do mundo, desde a imaxe en que se para nun detalle do patrimonio ata a que descoloca a visión para introducir a imaxinación. Peiteavel estuda os contraluces das últimas horas do día en Fisterra neste xogo de escuridade e dourados, Teniente pasa ao branco e negro a paisaxe para mostrar o seu dramatismo estético, Viz fotografa as marcas de propiedade das casas da cidade porque a pedra fala do que hai detrás, dos seus donos, e Pazos fai voar a paisaxe en marabillosas montaxes que parten do xogo da moda e que na mostra traspasa tamén os obxectos. Catro fotógrafos que son moi distintos, que veñen desde campos moi diferentes e que achegan o seu saber e o pasado respirado á obra requirida, porque se trata de ver a pegada da paisaxe dese camiño que é o camiño da vida… e vémola, sen dúbida, cos ollos de cada un deles e dela.
Ninguén mellor que a artífice da mostra para falar dela: “Cunha atenta mirada, aberta á metáfora e chea de contrastes e simboloxía, os artistas desta exposición captan nas súas creacións o potencial do Camiño de Santiago a través do contexto vital que os rodea. A paisaxe como concepto cultural vai engarzando as distintas imaxes, nun discurso creativo que transcende o simple rexistro informativo para chegar a converterse en fértil nexo de actuación entre a arte e a natureza”.
Recoñécense os comisariados nos discursos que garanten a mostra, no relato que nos contan e fían coas imaxes que se mostran, na coherencia das propostas e o compromiso coa calidade e a ética. Por iso, podemos sentir a ausencia de Mercedes Rozas cando non está a traballar na cidade ou non aparecen as súas criticas na prensa. Ás veces, non somos conscientes do que temos, da riqueza dalgunha das especialistas coas que contamos no país, de aí que nunca estea de máis recoñecelas e solicitar onde se tercie a presenza das súas exposicións e dos seus textos. Rozas cre na interrelación das artes e coloca ao lado das imaxes os versos de poetas, neste caso son os de Antonio Gamoneda, Pura Vázquez, Olalla Cociña e Rafa Villar. Versos que acompañan as imaxes, porque a metáfora, a gran protagonista, está en ambos campos; do contrario non sería arte e os fotógrafos non serían artistas.