Xoán Piñón, Galicia consigo

406Fidel Vidal. De sempre sentín admiración –ou talvez envexa?- por aquelas persoas capaces de se enfrontaren aos seus e arrincar con valentía no descorrer da vida seguindo os pasos dun proxecto propio e dun desexo. Ao respecto lembro un compañeiro de carreira que abandonou en segundo curso para dedicarse a ler e acudir ás aulas do que entón era Filosofía e Letras, porque -así o dixo- “notaba unha carencia de cultura, de formación humanista”. Como tamén aqueloutro amigo que o seu pai esixiulle estudar Dereito e que el, como bo fillo, licenciouse con excelentes notas en tal disciplina e, despois de regarlle o título a seu pai, dedicouse ao deseño gráfico que era polo que tiraba.

Xoán Piñón é médico, licenciado en Medicina e Cirurxía, mais todos o coñecemos pola súa traxectoria como artista da fotografía. Estes días, até mediados do próximo xaneiro, está no Kiosko Alfonso da Coruña. Estudou Medicina porque naqueles anos, nos anos 60, “todo o que non fose enxeñería ou economía non se contemplaba”. No seu caletre estaba abandonar a profesión deseguido, mais exerceuna durante cinco anos polo que pasa sempre, “a familia e os amigos dicíanme que como ía deixar a súa carreira por isto”.

E isto son as instantáneas de Alterados, A horta de Carnati (case monocromáticas, follas e zumes, como abstraccións do concreto) para seguir coa serie O Courel, unha policromía outonal recollida ao longo de dous anos que lle serven para -nun paralelismo-, comprobar como se vai degradando o planeta. “Antes todo era bosque”. Xoán sempre leva Galicia consigo e que amosa nesta antolóxica. Como pasteliños en branco e negro coloreados, podemos ver Iluminados, tiradas coa inocencia do mellor afeccionado.398 Ou Inmateriais con fantasmais trazos engadidos dun pintor. Se Espirais goza de sabor onírico, ficamos enganchados aos interiores de San Martiño Pinario ou do Mosteiro de Sobrado na serie Cámara Barroca. En Diversas, os retratos (entre outros, Díaz-Pardo, Paco Rabal, Fernán-Gómez) vai máis alá do que supón un bo parecido: “Eu intento ver a esencia das persoas. Que queden representados coas súas inquedanzas, non como se ven no espello” (La Opinión, 7-11-219). Rematamos pondo a mirada en Galicia terra nai, unha colección de fotografías en branco e negro ás que é necesario volver contemplar.

Premio Lux Moda 1995, realizou campañas de publicidade para Warner, Inditex, Vogue España, Elle, Microsoft ou Martín Códax. Como artista Xoán Piñón considera que a espontaneidade debe primar sobre unha técnica que está para ser esquecida. Nos seus traballos actuais segue no camiño que nunca abandonou da experimentación e no que ensaia particularmente coa fotografía abstracta e nocturna.

2 comentarios en “Xoán Piñón, Galicia consigo

  1. Preciosas esas instantáneas de “Alterados” pero, si la trayectoria de médico cirujano de Xoán Piñón fue tan valiosa como lo es siendo artista de la fotografía, mucha gente doliente ha salido perdiendo.
    Mi enhorabuena no obstante por conseguir lo que él deseaba. Tú sabes, querido Fidel, que los piñones están prendidos a una especie de rabillo para que al soltarse de la piña vuele y se propague; a eso se le llama “estrategia de dispersión”. Xoán Piñón – por lo que veo – quiso ser fiel a su apellido, y firme a su criterio no quiso cerrar su mente solo en la cirugía. Me encantaría ver esas intervenciones monocromáticas.

    ANANÁ BANANA. Y…sUpErsÓnIcA.

    Castos besiños palmeiráns.

    1. Grazas polas túas palabras, miña moi atenta Magdalena. Seguro que perdemos un bo médico, porque Xoán é home de traballo e moi consciente, e estou por dicir case un chisco obsesivo ante calquera das súas tarefas. Isto tráeme á memoria que Castelao tamén deixou a súa profesión de médico se ben esta vez “por amor á humanidade”.
      Saúde, bicos e apertas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>