A balada do café triste, de Carson McCullers

A-BALADA-DO-CAFÉ-TRISTE-CUBERTACarlos Mosteiro. O que está a facer  a editorial Rinoceronte ten moito mérito. O de poñer parte da gran literatura europea e americana en galego, contribúe así a paliar o que ata agora era claramente unha eiva do sistema literario galego: a tradución. E fano, non dende un gran centro urbano e cultural ou dende unha capital de provincia. Deseñan a operación dende unha pequena localidade, e iso inda o fai máis meritorio. Unha das últimas publicacións da editora canguesa foi “A balada do café triste” con tradución de Salomé Rodríguez Vázquez. Carson McCullers é sureña ao seu pesar. Mantivo co sur unha intensa relación de amor-odio que cristalizou nunha obsesiva necesidade de afastamento, sen deixar  ao mesmo tempo de ser o espazo de todas as súas obras.

Aos 17 anos foise para Nova York. Así, fuxindo cara ao norte quixo desprenderse do sur. Pero o sur foi con ela. Pregúntome se non lle deberá a súa grandeza precisamente a iso, a esa imposibilidade de desembarazarse do conflito, a esa tensión non resolta que sempre tivo co seu lugar de procedencia. Certamente non hai gran autor sen demos.

Carson McCullers non tivo sorte co seu corpo. Faleceu prematuramente aos cincuenta anos, pero antes deso tivo que soportar dous ictus cerebrais antes de cumprir os 24 anos que a deixaron sen movemento nunha parte do seu corpo. Non cumprira  os 30  e os ataques xa se repetiran dúas veces máis. Nos anos 50 sobreviviu a dous infartos que non conseguiron dobregala. Pero a mediados dos 60 un cancro de mama acabou con ela, inda que foi quen de manter admirablemente a súa axenda cultural e social ata o final. Muller dunha sexualidade tan libre como ambigua, tivo amores tanto con homes como con mulleres, chegando a compartir vida e casa en Nova York con Erika e Klaus Mann.

Carson-McCullers“A balada do café triste” contén seis narracións. A primeira delas (unha novela curta en realidade, e que dá título ao libro) preséntanos a unha protagonista nunha loita inútil por afirmar a súa independencia e rexeitar o sometemento ao mundo masculino e aos parámetros tradicionais de feminidade. Nun ambiente opresivo e agoniante a McCullers amósanos un destino tráxico do que resulta inútil fuxir, e enlázao maxistralmente co asunto da identidade feminina nun mundo fondamente patriarcal. Como outras escritoras anteriores (Rebeca Harding Davis, Kate Chopin) utiliza a opresión dun ecosistema abafante como metáfora da opresión sobre a muller. Asume a misión de contar un mundo que vén abaixo, seguindo a estela de Faulkner, pero con aditivos que fan esa narración máis dixerible.

Os que se acheguen por primeira vez a este libro atoparán unha autora de grande alento. Os que a revisiten verán que non perdeu nada do seu valor nesta sólida tradución á nosa lingua.

2 comentarios en “A balada do café triste, de Carson McCullers

  1. Acabo de ler esta novela curta. Fascinante. Con ela sentin a calor abad ante, o frío …. a amargura q pode provocar a soidade, a rabia do desamor… A fermosura dos amenceres e dos solpores sureños… En fin, un pracer e por riba poder desfrutalo na miña lingua. Grazas a Rinoceronte Editora

  2. Descubrín a esta autora nun curso de literatura Sureña que tiven na universidade este ano, o profesor é especialista en ela, e quizáis foi un dos mellores descubrimentos do curso ( que ocorre cando os profes de literatura mandan ler cousas, algo raro últimamente) Limos The member of the Wedding, a verdade que unha maravilla que deixa con ganas de máis. Haberá que botarlle un ollo a este.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *