Julián Bustelo Abuín|Víctor Barbeito Pose. A parroquia foi unha estrutura de organización territorial básica, xurdida no Medievo, que cristaliza no século XI, e vixente na actualidade. Foi un microcosmos no que tiñan gran parte das actividades cotiás, e non cotiás, dos seus fregueses, en cuxos límites moitos deles posiblemente pasaron toda a vida. Pero se hai un elemento que é característico da parroquia, ese é a súa igrexa, o seu templo, no que se unen baixo a mesma advocación o conxunto de aldeas para levar a cabo, amais da xuntanza dominical, aqueles ritos vitais máis importantes como é darlle a benvida ao novo membro da comunidade cristiá mediante o bautismo, ou darlle o último adeus ao finado.
Á fronte da igrexa sempre hai un reitor que goza dunha serie de prebendas, entre as cales nos interesa facer fincapé nun terreo situado arredor das igrexas rurais e que se denomina destral.
Dende moi cedo, estes terreos foron regulados xuridicamente; xa no Concilio II de Braga (ano 572) se fai alusión a que ningún bispo consagre igrexa ou basílica se antes non recibe o dote que asegure os seus gastos de funcionamento.
No Concilio XII de Toledo (ano 681) fíxase un radio de 30 pasos arredor do templo, e, cara ao ano 800, este espazo increméntase e fíxase en 72 pasos. Nos primeiros 12 pasos situábase o templo e o cemiterio; e o resto, destinábase ao sustento do crego, no que podía haber, ademais das terras con clara vocación agrícola e hortícola, outras dependencias como casas, alpendres e lagares.
A propia regra canónica determina que os terreos que forman parte dese patrimonio vinculado directamente ao edificio relixioso presenten unha forma xeométrica singular, dado que se emprega un radio de lonxitude determinada (30, 72, 84 pasos ou destros) en cuxo centro (ou extremo) se atoparía o templo, dando lugar a un espazo de tendencia circular.
Un destes espazos témolo localizado na parroquia do Araño, delimitado ao sur polas aldeas de Carballal e o Batán, e a escasos metros do Erbal do Codesal, lugar no que atopou Manuel Miguéns en 1907 a lápida romana do Araño, que logo de arduas negociacións pasou a mans da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra en 1909 e que, a súa vez, formou parte da extraordinaria Exposición Regional Gallega de 1909 celebrada en Santiago, coa sección de arqueoloxía situada no colexio San Clemente, onde estivo exposta a lápida romana do Araño. Hoxe forma parte dos fondos do Museo Arqueolóxico de Pontevedra.
Trasladada doutro lugar
Algúns dos máis vellos do lugar comentan de forma distendida que o actual emprazamento da igrexa de Santa Baia do Araño non é o orixinario senón que foi trasladada ata o lugar actual pedra a pedra. Ben pode ser que quede do imaxinario colectivo algunha das reformas actuais da igrexa, como a acontecida arredor de 1790, momento no que a igrexa se estaba re-edificando ou que, certamente, se estea aludindo a ese desprazamento do locus do templo, cousa non tan rara e da que existen outros exemplos, e non moi lonxe, como o caso de Igrexa Vella de Santa Comba de Louro no concello pontevedrés de Valga, que ten orixe nunha necrópole romana e foi igrexa parroquial ata que no século XVIII se desmantela e se traslada 400 metros ao norte da orixinal; a do Araño está a 900 metros do destral.
Parabéns aos dous por este texto e outros que xa tedes presentado.
Dá gusto o rigor e a claridade coa que expoñedes, non o noso pasado,
senón o noso presente. Cada vez que leo un texto voso, teño ganas de
escribir unha novela sobre o tema.
Fortes apertas