Bendito porco inmundo

Matalobos
Matalobos

Francisco Ant. Vidal Blanco. Nunha carta de Mahmet Alí a Usbeck, recollida por Montesquieu nas súas Cartas persas, cóntase como Noé organizou a arca e botou todos os desperdicios dos animais contra un lado, sen decatarse de que eran tantos que a barca comezou a escorar. Aconsellado con Deus, Noé virou a postura dos elefantes para que a súa bosta caese na outra banda e compensase a escora. Entón xurdiu o milagre: do medio daquela inmundicia xurdiu o porco. Aí está a razón pola que este é un animal impuro.

Nesta parte do mundo, mentres uns nos contan que os ismaelitas non comen cocho porque Mahoma, antes de ser profeta fora coidador dunha piara, outros acóllense á idea de que era un medio de transmisións de enfermidades. Sexa como sexa non saben o que perden, e nós, por sorte, temos a san Martiño marcándonos o día do ano no que o bendito marrán pasa a mellor vida e a máis agradecidos estómagos.

Pero moito antes de que Mahoma recibise os consellos divinos por boca do arcanxo Gabriel, e incluso antes de que Moisés sacase a todos os hebreos da terra á que emigraran por ser o Exipto daquel tempo unha verdadeira terra de promisión, con moito traballo mal pagado, xa o cocho tiña moi mala prensa. Asociado ó deus Seth, o deus do caos, un verdadeiro demoño, malvado, tramposo e caloteiro, un argallante capaz de trocar de cara e corpo con tal de enganar a quen fose só para facer mal, en certa ocasión, facéndolle crer ós santos deuses do ben e da bondade que era un simple porco negro fozando na lama do Nilo, deixou que o seu sobriño Horus se lle acercase, para acometelo traidoramente lesionándolle un ollo, polo que Ra o maldixo e con el maldixo a todos os porcos e a todos os porqueiros, prohibíndolles entrar nos templos.

Nesa terra do Oriente, onde tantos deuses se encontraron, encontran e enfrontan, adaptándose e copiándose ritos e costumes, os mitos e as lendas viaxaron entre o Nilo e Xerusalén tras as famosas pragas que a mitoloxía conta dun xeito e a historia doutro. Así, segundo o historiador Tácito, os xudeus non comen carne de porco por memoria do dano que sufriron en Exipto, onde padeceron unha especie de sarna provocada pola inxestión daquel animal.

porco2Como vemos, xustificacións para prohibilo non faltaron, e tan mala fama lle quedou, que nos primeiros séculos do cristianismo, os idólatras tentaban ós santos eremitas, recollidos á soidade do deserto con longos xaxúns e baixo un sol abrasador, amosándolle cochos que eles confundían coa figura do tentador, mentres nós, fillos de bárbaros, acostumados a crialos, aprendemos a aproveitarlle todo, desde o fociño ata o rabo.

Mais como o poder da masa manda e os gustos dietéticos de occidente non eran doados de borrar, o porco non tardou en ser enxalzado nas haxiografías de excelsos varóns como santo Antón Abade, san Brais ou san Pedro, quen a pesar de ter unha cultura xudía, segundo el mesmo lle explicou ós seus discípulos, tivo unha visión na que unha voz divina o invitaba a sacrificalos e comelos, pero como o santo pai da Igrexa se negaba a facelo dicindo que nunca no seu corpo entrara nada impuro, Deus desde o ceo amoestouno: «Non lle chames impuro a algo creado por min». E desde esa o Cristianismo reconciliouse na mesa cos bárbaros do imperio e gañou adeptos.

Un comentario en “Bendito porco inmundo

  1. O porco, querido veciño, e coma o home, profundamente filosófico, un ser para a morte.

    Eu que quéres que che diga desas sustificacións para prohibilo? penso que fan ben, porque así, tocamos a máis.

    Biquiños desde a nosa Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *