Un ano e un día

divorce-separation-marriage-breakup-split-39483Marina Losada Vicente. Costou traballo pero aquí estou, celebrando sen celebrar que onte fixo un ano que son unha muller separada. Separada, que non divorciada, que a min o papelame dáme igual. Hoxe fai 366 días que vin como unha maleta e varias caixas te levaban da miña vida. Parece mentira que pouca cousa se necesita para baldeirar quince anos de matrimonio. A min costoume moito menos, non cambiei nin sequera un calcetín do seu sitio. Nin o lugar na cama. Nada mudou na casa en todo este tempo. Nin unha soa tarefa que non fixese antes, a non ser, claro está, en que minguou a roupa sucia. Desapareceron as botellas de viño, as cervexas, o whisky, pero esa conta non era miña. Sigo varrendo, fregando, cociñando… para min, como fixen sempre. Sigo reparando a motoserra cando se atasca, dándolle de comer ás galiñas, facendo a mesma xornada na empresa.

            Cando lle dixen a mamá que me separaba calou. Non deixaba de ser algo anunciado, algo que tiña que ser. Ben vían todos na familia os desprezos que me facías en público, a falta dunha palabra amable, as deshoras nas que chegabas. A nula participación na vida familiar, máis alá de acudir ás citas obrigadas, sempre cunha copa de máis. Ou dúas. Ou catro…

            Necesitando como necesitaba falar, aos poucos foron saíndo todas as palabras obscenas coas que me regalabas cada noite. Fun referindo o maltrato continuado, agudizado no último ano, cos fillos casados, sen veciños que puideran oír. Levada pola corrente de ánimo que me atravesaba, e unha vez confirmado que era capaz de deitarme soa nunha cama no medio da nada, unha vez que me souben tamén a salvo de min mesma, fun quen de abrirme e de contar a dor de cada noite. E fíxeno sen omitir detalle, tentando minguar o medo que segue aínda hoxe percorrendo a miña pel.

            Un ano e un día despois, si, un ano e un día… chegou o recado. O meu verdugo mandou aviso: Xa era tempo de volver; un ano é castigo máis que suficiente, reclamas a quen fixo de recadeira. Mamá quedou ben contenta, por fin a familia volvía ser a que tiña que ser. Volvía o xenro e por vontade propia. Mágoa que eu perdera a chave desa porta.

2 comentarios en “Un ano e un día

  1. Bo día: Chagamos a unha idade en que se precipitan as visitas aos tanatorios. Neles atopamos a familiares e amigos cos que non coincidimos case nunca. Facemos intención de quedar en mellor ocasión, máis non se cumpre, igual que non se cumpren os desexos para o ano novo. Que unha muller maltratada atope a parella da esperanza é difícil, sobre todo porque se pode dar o caso de que non espere ningungha. Bicos, Magdalena.

  2. En estos momentos acabo de encender el ordenador querida Marina; te leí a la mañana camino de Padrón, desde el móvil. Ahora vengo del tanatorio de acompañar a unas personas muy queridas para mí, pero aún tengo tiempo para saludarte y para decirte que tus entradas no tienen desperdicio, como siempre.
    Pues mira, casualmente ayer, día de los Santos Inocentes, nosotros celebramos nuestro aniversario de boda, J.M siempre dice que no estamos casados, que lo nuestro ha sido una inocentada, pero una inocentada que dura ya 49 años.
    Pero de haberse dado el caso de tu protagonista, yo haría exactamente lo que hizo ella. Eso de aprovecharse sin la menor reciprocidad, no va conmigo. Ella tardó un año y un día en abordar el problema y tomar esa sensata resolución, pues… bastante esperó.
    A mí no me dolería perder la llave de esa puerta, pero, también le diría que la horma de su zapato (aunque no es fácil dar con ella) también puede encontrarse, y que volver a casarse otra vez, es el triunfo de la esperanza sobre la experiencia.
    Besiños palmeiráns, queridísima Marina.
    Felices fiestas y próspero año nuevo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *