Natividad Rey. Despois da guerra viñeron tempos de arrepío. Días onde «aqueles» que tiñan «carta branca» ou, mellor dito, liberdade para fusilar a quen lle tivesen rabia, puxérona en práctica. Era noite cando a Federico, o chofer da empresa O Rosal, lle deron un último encargo: debía levar un cargamento de vítimas ata o lugar da Paradegua, esperar a que o linchamento acontecese e, logo, axudar a cargar os mortos na parte superior do vehículo para despois lanzalos ás cunetas. Era á noitiña cando Federico se dirixiu a onde o citaron. Os reclusos subiron aos tropezóns no autobús, baixo as ordes d’«aqueles», e así iniciaron a viaxe ao inferno. Cando estaban a piques de chegar, o bus detívose con varias freadas, apagáronse as luces e volvéronse prender, simulando que o vehículo estaba avariado e non podía avanzar. Federico abriu as portas do autobús para ir mirar se era mal das buxías e, naquel intre, un dos reclusos tivo a afouteza de liscar. Correu canto puido ata acabar perdéndose no monte. Os verdugos buscárono día e noite; mais xamais deron co fuxido.
Pasaran moitos anos desa noite cando a Federico lle tocou ir á cidade da Coruña. Era hora de xantar e parou nun restaurante que había preto da estrada. Entrou, sentou nunha mesa e, uns minutos despois, o camareiro preguntoulle: «Que vai tomar?», e el respondeu: «Prefiro comer. Que hai de menú?» O camareiro explicoulle: «Para vostede temos o menú que queira, pida o que desexe que o vai ter». E Federico, pampo, dixo: «Que pida o que queira paréceme moito… mais namentres o penso, póñame unha cunca de viño».
O camareiro retirouse para servilo e, de contando, achegouse a Federico o xerente do restaurante. Sentouse preto del, dicíndolle: «Desculpe o meu atrevemento, pero sempre que veña vostede a este restaurante vai ser o meu cliente máis prezado». «E logo por que?», preguntou Federico. O xerente agarrouno da man e comentoulle: «Mire unha cousa, non se lembra de cando levou no bus unha rolda de persoas á Paradegua, avarióuselle o vehículo, e vostede fixo un xogo de luces?».
Federico tensou, e as súas mans comezaron a tremer. «Por que me conta iso?», inquiriu. O xerente teimou: «Non recorda que esa noite fuxiu un?» E Federico contestou: «Non atoparon nunca ese home, mais eu non tiven culpa, o coche avariouse…».
O xerente ladeou a cabeza, mostrou un sorriso, e díxolle: «Certo, vostede non tivo culpa ningunha. Aquel fuxido son eu».
Moitas grazas polas túas palabras 🙂
Natividad: Triste, pero emotiva historia. Un comienzo de mucha tristeza, pero con un final feliz, cando o Xerente do bar lle dixo a Federico”: Aquel fuxido son eu».- Una bella respuesta .
Me gustó tu narrativa. Mis saludos desde Palmeira.