Joker: retrato da violencia que vén? (II)

2-870x399Ignacio Castro Rey. O baile dun corpo escuálido, ás veces moi grácil, anuncia a alegría da destrución, punteando a ofensiva que está a tramar o tormento de Arthur. El está tan atónito pola crueldade que o rodea que xa non pode nin chorar nin articular palabra, por iso ri de súpeto, sen freo. Á risa desatada sucédenlle crimes, en parte dos cales o público participa con certa chacota disimulada. Á asistente negra que o coida chega a espetarlle: “Nunca me escoita, sempre repite a mesma ladaíña. Non ve que, coa vida que me tocou, só podo ter pensamentos negativos?”.

Parécenos unha concesión despistante, unha chiscadela aos temas de moda, a alusión a un escuro abuso infantil e á irresponsabilidade dunha nai, tamén horrible, que acaba sendo unha vítima máis da xustificada ira de Arthur. Pero en fin, ninguén é perfecto, tampouco Philips. Á parte deses descoidos efectistas, poucas veces vimos (quizá en M. Moore) como a radiante sociedade de barras e estrelas trata realmente os seus súbditos. Non sería tan estraño que a Academia estadounidense non premie Joker tanto como Venecia. Ou si, pois o cinismo gringo é capaz de cometer o peor masacre e ao pouco tempo sacarlle partido coa crítica máis espectacular.

A cinta de T. Philip é escura, complexa, con varios niveis de narración, difíciles mesmo para os que se consideran expertos. En todo caso, Joker é moito máis política do que o director cre. É normal que a aclamación popular sexa masiva (moitos nos desafogamos co asasinato dos tres executivos que antes mostraron a súa brutalidade no metro), á vez que o progresismo ilustrado, norteamericano ou europeo, exprese as súas reservas diante deste uso directo da violencia. Pero matando, Arthur só está a devolver á sociedade o que esta fixo con el: cribalo a prazos. Que os progresistas, desde o seu limbo, chamen a isto terrorismo onde queiran. Sentimos o mesmo desafogo cando Arthur cose a balazos eses tres fillos de cadela que o que sentimos cando por fin o protagonista de La caza (Th. Vintenberg) lle parte a cara ao carniceiro do supermercado que o maltrata.

15670616682343Os crimes de Arthur, en canto lle colle o gusto a esa vinganza, son todo o esaxerados que se queiran. Con todo expresan, e isto é o inquietante para os intelectuais, que moita xente vulgar, fea e pobre, non ten máis saída que a violencia directa. Ou iso ou converterse en vítima profesional que esmoleira subvencións. Non é o caso de Arthur, demasiado digno moralmente e demasiado político (sen selo) para esa actitude vicaria. Digamos que a furia desatada, a forza autónoma da súa risa sálvao de converterse en vítima. As máscaras dos clowns que seguen ao Guasón non son máis que réplicas das máscaras que todo o mundo leva para exercer a banalidade do mal, unha maldade despersonalizada, irresponsable, acéfala. Todo iso nunha sociedade moito máis hipócrita que as vellas sociedades de outrora. Por que esta obriga de sorrir? Pois ben, se é necesario sorrir sen parar, Arthur decide rir a perna solta mentres mata. É normal que os críticos, á fin e ao cabo parasitos do aire climatizado dos seus privilexios, se preocupen.

Joker é brutal, ante todo, mostrando a cruel indiferenza dos poderosos. Fronte a ela, lonxe destas series televisivas onde o crime autista está xustificado por un espectáculo sen entrañas, a violencia de Arthur é visceral e posúe algo tan humano como o odio. Diríxese así contra os culpables dunha orde social intrinsecamente perversa. É seguro que Philips non ten esta conciencia subversiva en mente, pero é algo que, con todo, aínda que sexa inconscientemente, saíu das súas mans.

O peor de ser pobre, perdedor ou eivado de guerra, é que a xente espera que non molestes e actúes coma se non foses máis que unha vítima que pide axuda. Non é o caso de Arthur. Por iso acaba combinando tan ben comedia e traxedia. Da comedia barata á que se ve obrigado pasa a provocar a traxedia e, así, unha comedia de orde superior, nada fácil para o público cautivo do espectáculo. Devólvelle entón á sociedade, Arthur, o que ela mesma xerou. El non pode, e talvez non quere, ir á consulta do psicanalista: cúrase matando. Dirase, con razón, que esta saída é inmoral. Pero é que tamén é inmoral a orde social que lle rodea, ese círculo vicioso de malos tratos e reacción criminal que a nosa sociedade do coñecemento xera.

joker_joaquin_phoenix_2600De que ri Arthur, finalmente? Dun mundo que rebordou toda caricatura e que só pode reencontrarse na apocalipse, mentres todo leva ao extremo da crueldade. A súa adorable veciña negra, á que tamén (como mínimo) chega a asustar, representa un pouco a solidariedade entre marxinados. Igual que o bico que lle dá Arthur ao ananiño asustado: “Non quero ferirche, sempre me trataches ben”. Pero queda moi pouca xente con corazón na metrópole, poucos que non estean, como mínimo, moi tensos e á defensiva. Cando Arthur lle segue a corrente a un neno negro no autobús e tenta entretelo con acenos, enseguida ten que oír a dura reprimenda da nai, coma se se tratase dun pervertido á caza de nenos inocentes.

Tropezamos entón, era inevitable, coa moderna historia da banalidade do mal. Case ninguén nesta película, tampouco Arthur, é un malo de conto. Quizais tampouco o condutor de televisión, antigo ídolo xuvenil de Arthur, que se limita a facer circular a crueldade que dispara o índice de audiencia. Germanwings, Columbine, Nanterre (Richard Durn) e cen lugares máis nomean eses mozos que non deixamos chegar a adultos. Empuxámolos a morrer matando. E en masa. Por que? Porque eses seres xa non vían a vida por ningún lado. En ton de cómic, seica sen sabelo, Philips non deixa de tratar esta gravísima cuestión que, entre outras moitas, se cerne sobre unhas metrópoles que esqueceron calquera misericordia, calquera piedade humana sen carné. É posible que, finalmente, o Norte teña o que se mereza. É esta unha das mensaxes inconscientes de Philips. Grazas, é un pouco máis que nada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>