Rozando o paraíso

uxia casal paraisoUxía Casal. No mes de agosto haberá oito anos que me instalei en Ribeira xunto co meu home. Viñamos doutra zona costeira, o Val Miñor, cuxo clima é abondo suave e cuxa orografía, sen grandes declives, resulta fácil de percorrer a pé e permite paseos longos sen botar os bofes. O vao (ou a marisma, como eu lle chamaba) está protexido e cuns prismáticos podías ver de preto garzas grises e brancas, zarrapicos, parrulos e outros anátidos que non se preocupaban por ninguén. Era unha zona bonita e apracible onde estivemos catro anos e me puxo en contacto cun xeito de vivir diferente do que adoitaba; tamén influíu a miña temperá xubilación que achegou horas libres a mancheas e permitiume observar a vida doutro xeito: con vagar. Nese sentido cóidome afortunada. Cando chegamos aquí, en 2006, o verán foi terrible, o fume dos incendios escurecía o día e dificultaba respirar, pero nós acababamos de estrear casa e enchíanos a satisfacción de ter un lugar de noso onde vivir e podía permitirnos certas arelas. A primeira vez que fomos á Curota quedamos abraiados: vese ao completo a famosa ría de Arousa que sae en todos os encrucillados, mesmo se albisca Cambados e Vilagarcía; os ollos non saben para onde mirar por medo, se cadra, a perder a vista por tanta beleza. Na casa, por ciclos, recibimos a visita do pardal, da bubela, da andoriña, do merlo, do miñato e de tantas outras aves das que ignoro o nome. Hai toupeiras, lagartos, lagartas, abellas e estraños escaravellos que só vira en fotos, algún moi semellante ao dourado de Poe. É, se cadra, o lugar onde máis gozo do que me rodea, onde nunca me canso de observar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *