As outras paisaxes

pedro as outras paisaxesPedro García Vidal. Todos algunha vez tivemos esa sensación de retorno a xeografías recordadas percibindo un aroma, escoitando un son, degustando un sabor ou acariciando unha superficie que se torna familiar ou íntima. Porque, aínda recoñecendo o papel preponderante da vista na experiencia da paisaxe, non podemos esquecer as paisaxes sensoriais non visuais, ou xeografías inducidas polo olfacto, o gusto, o oído ou o tacto. Estes sentidos poden ser moito máis potentes e inmediatos que o sentido da vista á hora de vivir ou imaxinar unha paisaxe, e en especial os seus elementos ocultos:

O oído, como radar a captar os sons singulares que dan música ás paisaxes, as xeografías sonoras que definen territorios. No caso da paisaxe rural, por contraste coa cidade ruidosa, o trazo sonoro máis frecuentemente destacado é o silencio e a calma. Porén, nas paisaxes non urbanas tamén hai sons, sons varios, poderosos, específicos e moi apreciables.

Ao medio sonoro contribúen os sons da natureza e os sons de orixe humana. Se o vento e a auga son as compoñentes da sinfonía da paisaxe, son igualmente de radical importancia os sons producidos polos animais, ese mundo de sons, esas paisaxes sonoras que enchen de músicas o espazo. Estes son os sons de orixe vital, pero á parte estarían aqueles producidos polos homes -pensemos, por exemplo, na importancia dos sons das campás no mundo rural- onde incluso a palabra queda presa no baúl dos recordos.

O olfacto é outro dos sentidos á espreita, a captar aromas varios que colonizan a memoria de sensacións perfumadas. Poucos sentidos como o olfacto son capaces de evocar con tanta fidelidade e precisión momentos e lugares vividos. A capacidade evocadora dos olores é inmensa. Inesquecible El perfume, de Patrick Süskind, novela trasladada ao cine, onde se narra a vida de Jean-Baptiste, perfumista e asasino cuxa existencia está vencellada á maxia das fragrancias e das esencias.

O gusto é o sentido a completar toda unha xeografía de sabores que alegran o padal, para logo na ausencia, gozar do pracer daquelas agradables sensacións gustativas.

E o tacto, por último, ese enorme sentido tan desenvolvido nas persoas cegas, afeitas a ollar e ver nun mundo escuro para o resto dos mortais. Imaxes tocadas, apalpadas, nadas da fondura das tebras, froito dunha paciente concentración sensorial que grava texturas diversas en contacto coa pel.

Os aromas, sons, sabores e superficies forman parte da paisaxe igual que a forma e a cor. Na escola da contemplación todos os sentidos deben estar á espreita, ávidos de sensacións novas a engrosar os arquivos da memoria. Só coa permanente vixilia dos sentidos, penetraremos nos segredos máis íntimos dunha paisaxe, escrutando intensa e de vagar cada un dos factores que a conforman. Logo, na ausencia, esa xeografía sentida, recoñecida polos seus aromas, saboreada nas súas esencias, identificada polos seus sons ou polo contacto coa pel, será aquela á que por veces retornamos filtrada polo cristal do tempo. Son as paisaxes no fondo do espello das que fala o gran poeta Avilés de Taramancos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *