Antón Riveiro Coello. O meu primeiro contacto con este director iraniano produciuse con A propósito de Elly, aquela excursión de tres días ao Mar Caspio na que un grupo de amigos se enredan nunha inquietante historia chea de humor, drama e mesmo denuncia social. Fiquei abraiado co oficio do director e convertinme nun seguidor tan fiel que puxen sobre aviso a moitos dos meus amigos para que estivesen atentos á carreira de Asghar Farhadi. E cando triunfou no mundo, máis concretamente nos Óscars, en Berlín ou nos Globos de Ouro, con esa alfaia chamada Nader e Simin, confirmábase o seu talento e eu vía premiado así o meu agoiro, aínda que descubrir o que está descuberto non ten ningún mérito. Non me cabe a menor dúbida de que estamos diante dun deses directores firmes que nos seguirá a dar grandes películas no futuro, malia a imposibilidade de gravar con liberdade no seu país de orixe. Pero desta vez eu quero falar do presente e da súa última entrega: O pasado, unha película que parte coa volta de Ahmand (Ali Mosaffa) a un París chuvioso onde está a súa antiga casa e mais a súa muller, Marie (Bérénice Bejo), que teima para que el asine dunha vez o proceso de divorcio e así ela poder formalizar a súa relación con quen é o seu novo compañeiro, Samir (Tahar Rahim), que ten ingresada no hospital a súa esposa en estado comatoso.
A chegada a París de Ahmad, home procedente de Teherán, vai espir e esgazar moitos dos fíos de Marie cos seus fillos e, pouco a pouco, irán collendo corpo as pantasmas familiares. A partir de aí, Asghar Farhadi tece, e destece, cunha fascinante sucesión de diálogos, a armadura íntima dunha familia na que aínda hai lugar para as revelacións e as sorpresas. O espectador segue esta reconstrución con engado e interese e bota a ollada sobre esta familia allea para admirar o seu fondo psicolóxico e acceder aos segredos máis agachados do pasado.
Interesa sobre todo a actuación maxistral e auténtica dos protagonistas. Tal é o caso de Bérénice Bejo, máis coñecida pola película The Artist, que borda un papel que, en principio, estaba reservado para Marion Cotillard e que foi recoñecido na pasada edición do festival de Cannes. Sólida tamén a interpretación de Tahar Rahim, protagonista dunha pequena obra mestra como Un profeta, de Jacques Audiard, outro director ben poderoso. Mesmo os fillos dos protagonistas adquiren momentos de altura nos seus papeis.
Con todo, como as miñas expectativas co director eran tantas, o remate da película trouxo para min un pequeno, só pequeno, pouso de decepción. Non discuto que un director desta categoría sabe ben o que fai, e que estamos diante dunha boa película, deliciosamente construída, sen demasiados excesos, como, por exemplo, o feito de converter París, cidade tan cativadora, nun tenue pano de fondo, afastándose desa tentación turística na que si caeron outros directores como Woody Allen. Asghar Farhadi manexa á perfección os sentimentos deste melodrama, unha e outra vez percibimos a proximidade dos personaxes (talvez isto teña a súa orixe no teatro, que é de onde procede o director), fai constantes chiscadelas a Nader e Simin, mesmo ás conversas hipnóticas de A propósito de Elly, pero ao meu ver o resultado final deste melodrama minucioso, certamente humano, está lonxe desas dúas películas que eu sigo a considerar do mellor cine que se leva feito nos últimos anos. Malia todo, seguiremos atentos, e fieis, ás vindeiras entregas do iraniano Asghar Farhadi.