Ensino, política e literatura

Foto: Marcos Creo
Foto: Marcos Creo

Pastor Rodríguez. Nacido en Palmeira, Plácido Betanzos García foi profesor a maior parte da súa vida activa como profesional, e durante moitos anos impartiu Tecnoloxía nos institutos de Coroso e Leliadoura da cidade de Ribeira. Profesor bondadoso e xovial, foi moi amado por varias xeracións de escolares pola súa proximidade e actitude entregada. Pero esta vida académica compaxinouna con outra gran paixón: a política, dende a militancia no BNG, forza á que representou no Concello de Ribeira como concelleiro e voceiro nacionalista dende 1992 a 2002. Dotado de gran forza oratoria, defendeu as súas ideas con firmeza, afouto sempre, pero logrando ser moi estimado polos seus rivais políticos. Dende a súa retirada da política municipal, puxo a súa creatividade ao servizo da escrita e, así, no 2002, gañou o Certame Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal co relato Santiago García, O Laverco, no 2004 fíxose co primeiro premio de Relatos na Emigración de Bos Aires co conto Fendas. A máis diso, colaborou coa revista Terra e Tempo e co xornal La Voz de Galicia. No ano 2009 publicará a súa primeira novela, Coiteladas na alma e logo virían Paravea no inferno (2011) e Bágoas na chuvia (2016). A súa narrativa ocupouse de temas que manifestan o seu compromiso social: o maltrato contra as mulleres, ás que sempre defendeu, os derrotados da guerra civil, os desfavorecidos. Sinxeleza expresiva e compromiso cívico definirían a súa traxectoria como escritor. De xeito exento publicou tamén o relato Milhomes en 2010 e, tras a súa morte no 2018, editouse o volume Relatos e lembranzas (2019), que recolle os seus contos e as lembranzas e estampas publicadas para o programa das festas de Palmeira.

Un comentario en “Ensino, política e literatura

  1. E eu fago un engadido: era un bo veciño.
    Gardo como en ouro en pano os borradores dos seus libros que me regalaba antes de editarlos, para que fose a primeira en conñecer o seu contido
    Un bico, Plàcido, ti sabes que sempre estás presente nas miñas pregarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *