A música universal

musica1Francisco Ant. Vidal Blanco. Hai uns días volvín a ver Psicoses en pantalla grande e volvín a sentir medo, a levantarme no asento en plan cabaleiro andante tratando de protexer á doncela cando a sombra do psicópata aparece ó outro lado da cortina do baño. Non sei que me metía máis medo, se a sombra en si ou a música que acompañaba a escena acelerándome o corazón. Sentíao eu e sentíao a rapaza chinesa que sentaba ó meu lado.

Sen lugar a dúbida a música é unha linguaxe universal, non che di palabras pero sácachas, non che pregunta pero obrígache a responder, non che corrixe pero faiche reflexionar. Así se di e así o comprobamos por propia experiencia. Certamente, ás veces apóiase en palabras máis doadas de entender, pero é que ata a entoación con que se din esas palabras troca o seu significado.

Falábamos estes días de se a música, que todos queremos diferenciar como nosa ou dos outros, é tan universal como se di. E certamente, desde a máis popular á menos comunmente coñecida, todos os estilos teñen ese algo que os fai entendibles aínda para quen non sabemos distinguir un Do dun Re. A propia música étnica, que define a maneira propia de entoar, cantar e bailar de cada lugar, non se diferencia tanto entre, por exemplo, a dos nativos de Nova Guinea da que tocamos nós.  Eles golpean un tambor e nós sopramos na gaita, pero só é cuestión de sentir os seus acordes para que o galego mova o corpo cos seus ritmos, ou eles cos nosos, para saber cando uns e outros transmiten tristeza ou alegría, porque á fin, tanto no extremo oriente como no extremo occidente, cando se quere bailar a música segue unhas normas de tempo e ritmo semellantes. E o mesmo pasa coa música fúnebre, coas cancións de berce ou coas de rituais máxicos ou relixiosos. Asemade, cando saes a correr, tanto aquí coma no Xapón, tes que escoller moi ben que pos no MP3, porque un rock farache patear coma un tolo e un bolero romántico volver á casa sen soltar nin gota de suor. Así, segundo Xulio, ese tamén é un punto a ter en conta cando seleccionas a música que escoitas mentres conduces, pois mentres unha che fai máis agresivo ó volante, a outra pode converterte nunha tartaruga.

música2Xa a principios do século pasado, na universidade de Berlín, Carl Stumpf, a quen se considera un dos pioneiros en etnomusicoloxía e musicoloxía comparada, esforzouse por encontrar as similitudes musicais en distintos puntos do planeta, e expostas en obras como “A orixe da música”, pero cando comezaba a ver e demostrar que as diferencias principais só eran unha cuestión de matices, o nazismo, sempre tan preocupado por marcar as diferencias, impediulle seguir coas súas investigacións. E esas son as que encetaron de novo desde a universidade de Viena, onde tratan de encontrar esas claves que nos fan sentir dunha ou doutra maneira segundo o ritmo daquilo que escoitamos, aquí ou nas antípodas, e chegan á conclusión de que o sentimento que transmite a música está baseado nuns piares básicos sobre os que se soportan unhas determinadas predisposición codificadas que logo, en cada lugar, son edulcoradas coas formas específicas do mesmo, demostrando que a transmisión das emocións non é tan diferente entre uns e outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>