Refuxio

unnamedXosé Manuel Lobato. Dúas arterias básicas, Rodelo e Fontevirtude, cos seus capilares nun gurgullar festeiro de humidal alboreiro con toda a enerxía dos recente nados.

Augas procedentes do Bocelo para formar esa lagoa de inimaxinables soños, tamén diversión para calquera ser mergullado no maxín da lagoa de Sobrado.

Bocelo de bágoas sacras, lacrimal máxico para formar ese palio de cuarta dimensión unido a Faro, Farelo e mítico Pico Sacro, un fenómeno único e auténtico o destes catro cumios enraizados na cerne medular da terra.

Axiña foxen as augas nativas do Bocelo da lagoa murmuradora e retranqueira, axitadas percorren un leito que dialoga coa contorna fluvial. Na súa brincadeira de políglota experimentada forma rápidos, remansos, cadoiros, pincheiras, praias e, mesmo un impresionante meandro.

Porén, de fría e xélida orixinalidade é a illa do Refuxio, unha paraxe formada por este curso fluvial de Trastámara na súa parte media, para envexa de calquera outro irmán acuoso.

Fagoos merced por juro de heredat para siempre jamas de las tierras de Trástamara e Trava, que son del  Condado de trastámara en el dicho reino de Galicia.

Refuxio de carballos centenarios en saudable estado. Afortunados monumentos naturais conservados antano pola sensibilidade da familia Xan Castro, hoxe nas mans da administración pública, pouco fiable para conservar bens naturais, aínda que paradoxal neste caso, pois o souto do Refuxio non semella visiblemente afectado na actualidade.

google_place_photoMais o Tambre é forza explosiva, de afán conquistador con ansias de explorador avezado. Rol que asume cando o seu caudal conquista a illa do Refuxio formando un mar, onde só se poden divisar a copa deses carballos nativos na súa arte de mariñeiros nos temporais.

Coas enchentes e desbordamentos na zona, o ambiente ionizase de intensa efervescencia, son entón os nativos trasgos da illa os que buligan no caos mentres as nubes seguen a chorar os sete chorares. Por certo, o máximo que se pode bagullar.

No descontrol e caos absoluto, no intenso carpir dos nubeiros emerxe enérxico o asubiar melodioso dun paxaro de corazón fervente, amigo do ser humano, sempre preto para entoar con sublime …

Elegancia postural entre o robusto ramal, asubía fachendoso o paporrubio do Refuxio o seu valse de tranquilidade e agarimo, mentres tanto o caos acuoso segue invadindo o seu hábitat natural.

 

Un comentario en “Refuxio

  1. Por pouco fas que eu chore os sete chorares, pero de emoción, ao ler como contas esa cuarta dimensión que forman eses catro cumios.
    Gustaríame ver cos ollos que ti ves, esas lagoas políglotas de inimaxinables soños; se así fose, sería unha groria bagullar, porque sería de pracer.
    Una forte aperta desde Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *