Paco Casal, no Lustres Rivas

BD20C2F2_19320Antonio Piñeiro. Na sala do Centro Cultural Lustres Rivas estase a presentar a nova exposición de Paco Casal, con dúas facetas ben diferenciadas. Por unha banda, un grupo de obras de medio formato, sobre lenzo, nas que desprega a súa xa coñecida mestría paisaxística, e que esperta inevitablemente o abraio de cantos pasan, deixándoo plasmado no libro de visitas con frases dunha elocuencia pouco habitual. Paco é todo un carácter coa paisaxe, un sagacísimo captador de todo canto de emotivo ten. Diría eu que conxuga, nun caso verdadeiramente excepcional, a fulxencia e inmediatez do impresionismo, a ductilidade do expresionismo e a emotividade do romanticismo.

Por outra banda, outro grupo de obras, desta volta en pequeno formato, sobre papel, nas que ensaia coas técnicas do gravado e a monocromía, ás veces empregando dúas cores, coma no caso d’A cata, seleccionado ademais finalista no Certame Internacional de Gravado da Escola Superior de Deseño da Rioxa, Fundación Pedro Vivanco.

Son gravados a linóleo, traballos que sempre posúen ese encanto do debuxo resume, da sinxeleza plástica, mais cunha forza conceptual incuestionable. A poética do linóleo -Paco sábeo- está na economía de recursos, na narratividade que adoito acompaña a técnica, e nese toque debuxístico que ás veces linda coa ilustración. Son vieiros que abren posibilidades sempre apetecidas polos artistas de caste. Estar no taller, coa idea enriba da mesa, e agromando ao redor os rebentos dese enxerto virtuoso entre o relato e a forma. Aí o traballo de Paco Casal, que non sen intención nos ofreceu esoutra anterior mostra, precisamente sobre o taller do artista, na Doce de Boiro.

 O gato na taberna, a obra que traemos hoxe aquí, con ese toque de xanela daliniana, ese feitizo de lúa en cuarto crecente e esa historia subxacente do interior con soidade, é un perfecto exemplo do que estamos a dicir. Engadiría eu o magnífico tratamento lumínico que Paco Casal consegue utilizando só dúas tonalidades: a do negro da tinta sobre a do papel limpo. É un efecto de nocturno interior realizado co exiguo do linogravado. Unha delicia visual, na miña opinión, que vén confirmar sen dúbidas o que xa sabiamos da habilísima retina de Paco.

Con Paco Casal tiven a satisfacción de compartir taller de gravado de Nacho Costa Beiro, no Centro do Gravado de Artes. Cando nós chegabamos el xa estaba alí, coa pelame revolta de se escudriñar coas mans e o buril minucioso, nun silencio reflexivo, crebado só cando ambos iamos á cubeta de lavado e compartiamos uns intres de conversa. Teño para min que neses momentos estaba a producirse, alén da admiración e afecto que Paco recolle de cantos o coñecemos, a lección de sabedoría que el, sen pretendelo, está a dar seguido polo don que o caracteriza: o da actitude.

 

Un comentario en “Paco Casal, no Lustres Rivas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>