Bibliotecario da Universidade de La Habana

la pueblaPastor Rodríguez. Nado en marzo de 1903 na Pobra do Caramiñal, Manuel Domínguez Fontán emigrou na súa mocidade á illa de Cuba e na década dos sesenta foi bibliotecario na Universidade de La Habana. Ata épocas recentes nas que apareceron novos estudos, foi o historiador por excelencia da súa vila natal. En 1962 publicou La Puebla del Caramiñal. Un mirador sobre la ría de Arosa, libro presente nas casas de moitos pobrenses e que a Deputación d?A Coruña reeditou en 1987. Aínda que hoxe nos gustaría que citase con máis exactitude as fontes documentais e bibliográficas, é obra que conserva o seu valor na súa visión de conxunto. A obra ten, ademais, o mérito de estar moi ben escrita, con estilo áxil e que logra un sabor especial nas evocacións da terceira parte, a das tradicións e costumes da vila: o Nazareno e as Mortallas, a rivalidade entre o Deán e o Caramiñal, a Semana Santa, as tertulias, as estampas do rueiro dos cataláns, o sereno, as romarías e as paisaxes. Domínguez Fontán consultou os arquivos de Xunqueiras e do convento do Xobre, o que dá singular interese ao volume, dividido en tres partes: a primeira dedicada ao contorno xeográfico e literario da Pobra; a segunda, a súa historia ata o século XIX; e a terceira, para narrar os usos e costumes da vila. Non faltan as semblanzas dos fillos ilustres como o Cardeal Patiño, Esteban de Xunqueiras, Ares Pardo, Gómez Pérez das Mariñas ou Manuel Fernández Varela. A obra leva un prólogo de Victoriano García Martí, quen salienta a claridade da obra e o amor pola vila natal do autor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *