Concepción Arenal

CArenalPilar Sampedro. O 31 de xaneiro de 2020 cumpriuse o bicentenario de Concepción Arenal. A gran pensadora do século XIX, a muller que uniu teoría e acción está de aniversario e toca lembrala. Non é difícil porque aínda sendo muller era imposible invisibilizala. Estivo todo o tempo entre nós; por exemplo, en Compostela camiñabamos a súa rúa, pasabamos consulta no ambulatorio que leva o seu nome, estudabamos na biblioteca do Campus sur da USC que o estudantado chama familiarmente A Conchi, viamos a súa humilde escultura que agora se pasou da Costa Vella ao xardín labiríntico  que se sitúa detrás da Falcona.

Concepción Arenal estaba ligada a Galicia: naceu en Lugo, viviu na Coruña e Pontevedra, tomou as augas en Lugo e morreu en Vigo. Legou os seus papeis ao Museo de Pontevedra e ao mosteiro de Poio; aí están inéditos os seus primeiros textos de creación: a poesía, o teatro e a narrativa. Ela era unha das mulleres abandeiradas do seu tempo, igual que o foron Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán (que tenta inutilmente que a Real Academia de Ciencias Morales y Políticas acepte a Concepción Arenal como membro despois de ser a única persoa que tiña ganado tres premios do concurso que eles convocaban) e Juana de Vega, a amiga coa que compartiu traballos, a creación e desenvolvemento da sociedade civil e os dereitos humanos en España.

Catro mulleres, catro. Galegas compartindo época e protagonismo, dificultades e pluma. Concepción Arenal escribía ensaio, algo case inapropiado para unha muller; escribir poesía ou narrativa aínda se pode asumir porque será falar do que senten, pero escribir manuais, monografías… é falar do que pensan, dicir como deben ser as cousas, e iso, resulta case inmoral. Onde tal se veu que unha muller veña opinar sobre o descorrer da sociedade? Así de difícil debeu ser sacar adiante a súa obra. Unha obra que saía á luz despois de presentarse a concursos ou á súa conta, máis alá da súa autora.

Cóntase que sen saír nunca de España, os seus traballos chegaban a congresos internacionais onde eran recollidos e pasaban a ser referencia no pensamento e a lexislación. E cóntase tamén que, aínda formando parte da Junta Directiva de Ateneo de Señoras e encargándose de facer as reseñas das Dominicales (conferencias sobre a muller), nunca foi convidada a ditar ela unha conferencia.

En Concepción Arenal destaca esa capacidade para a reflexionar sobre as grandes cuestión do seu tempo, escribir acerca delas e levar o pensamento á práctica. Traballou a favor dos que estaban (e están) nas marxes da sociedade: presos, pobres, mulleres, orfos e maiores, na reforma de cárceres, asilos e orfanatos…

Con Juana de Vega traballa na constitución e primeiro desenvolvemento da sociedade civil en España, fomentándoa, facéndoa responsable dos seus deberes e activa coas súas obrigas. A finalidade é cambiar a caridade da Igrexa pola filantropía da sociedade civil, porque a onde as institucións públicas ou o Estado non chegan, ou non poden chegar, é forzoso que o fagan os cidadáns.

Foron mulleres que quixeron cambiar o mundo, que nos dignificaron e entregaron a bandeira da liberdade.

Un comentario en “Concepción Arenal

  1. Precisamente esta semana tuvimos que memorizar este texto de Amelia Valcárcel en las clases cognitivas:
    “Acompañada de un familiar doña Concepción se presentaba en la puerta del claustro, donde era recogida por un bedel que la trasladaba a un cuarto en el que se mantenía sola hasta que el profesor de la materia que iba a impartirse la recogía para las clases. Sentada en un lugar diferente del de sus aparentes compañeros, seguía las explicaciones hasta que la clase concluía y de nuevo era recogida por el profesor, que la depositaba en dicho cuarto hasta la clase siguiente”.
    Ya ves, Pilar, nada más que un bulto. ¡ Qué pena !
    Saludos palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>