O nó de Alexandre

alejandro-magno-1Francisco Ant. Vidal Blanco. Certo día, para poñer ó seu alumno a proba, Aristóteles acercouse ó pupitre de Alexandre e púxolle diante unha corda cun arrevesado nó para que o desfixese. Alexandre intentouno unha e outra vez ata poñerse nervioso, e como non lle atopaba xeito, sacou de espada e fendeu a corda polo mesmo nó para demostrar que se un asunto non se resolve polas boas ha de resolverse polas bravas. Entón Aristóteles explicoulle que se o desfixese pacientemente, a corda aínda se podería aproveitar, pero tal e como el fixo, aqueles anacos esfiañados non servían e todo o antes atado ficaba espallado e sen orde.

     Claro que non facía falta Aristóteles para explicar isto, calquera mariñeiro sabe que un nó desátase e a corda aproveitase. Esa foi unha das primeiras cousas que me ensinaron cando fixen o cursiño de capacitación mariñeira. Aínda lembro as palabras do patrón que nos ensinaba a facer nós: “cando sabes como se fixo, será máis doado desenmarañalo. Ó Alex perdoábaselle o arrebato porque era o fillo do rei, e pensaban que tería tempo de aprender, pero non foi o caso.
     Chegou o día en que lle presentaron o mesmo problema na cidade frixia de Gordio, acabada de conquistar por el, onde era tradición que só o monarca había de ser quen desatase a corda con que se ataba o xugo á cabezalla do carro que portaba en procesión a imaxe de Zeus, para que os bois descansasen.
     Vitorioso, Alexandre entrou con todos os seus xenerais á sala onde aquel se custodiaba e presentáronlle o problema para poder cinxir a coroa dese reino con todas as da lei. E de novo, despois de dar un par de voltas arredor do carro, con ese sorriso dos sabichóns estampado na cara, ansioso como estaba por sentar no trono, nun novo arrouto, sacou de espada e fendeu o nó para separar o xugo da cabezalla. Os habitantes da cidade non quedaron moi satisfeitos coa solución, pero acatárona. Que remedio. Ninguén se atreveu a dicirlle que agora non tiñan corda para o xugo e non había maneira de tirar do carro do divino Zeus na procesión das festas patronais.
 alejandro2O asunto do nó pasou á historia con partidarios e detractores. Aqueles falan de como o Magno, con man firme, foi quen de resolver un problema dun só golpe, e estoutros do brusco que era por non medir as consecuencias. Á fin, se para uns a curta vida de Alexandre está chea de vitorias guerreiras, para outros non se esquece que desgraciou o futuro de tantas conquistas por escachizar a posible corda, ou a concordia, que unise aqueles países tras unha paz máis ou menos imposta, creando submisos que non tardaron en amosar a discordia en canto el pasou a mellor vida, disgregando un imperio mal unido e repartíndoo entre os seus xenerais en forma de pequenos reinos.
      Os militares estudiaron ó largo da historia as súas mañas e dirán que era un magno xeneral, e certamente foino, pero os políticos de corazón, aqueles que saben da paciencia, da consulta, do diálogo, da procura de acordos que non poñan a uns por encima de outros e aseguren uns cimentos duradeiros, lamentan o que puido ser e non foi por faltarlle a arte de saber desenmarañar o novelo. A paciencia propia de calquera pescador cando se lle lía a liña, para que a corda siga valendo e el continúe pescando.

Un comentario en “O nó de Alexandre

  1. Querido Francisco:
    Eu xa levo dialogando doce días co meu pé dereito e puxen de intermediario a Exxiv, ou sexa ó antiinflamatorio que así se chama. ¡ Nada, é coma predicar no deserto ! Parece ser que quer máis comprimidos cos que eu podo darlle pois o meu fígado xa empeza a molestarlle os carameliños recubertos con película. A min encántame o diálogo con todo o mundo e desexaría darlle todo o que o meu talón me pide pero, ese órgano tan importante como é o hepático, dime que si lle dou máis ó pé, que pense ben nas consecuencias.
    Gostaríame saber desmarrar ese nó aínda que tivese que darlle máis carameliños deses que o pé me pide, pero, tamén teño que pensar que ós demáis órganos estounos descompoñendo por lle dar a esa extremidade o que tamén necesita.
    As veces hai que facer coma Alexandro, cortar o nó gordiano polas bravas. Vale máis quedar eivada dun pé, ca perder o fígado, porque sen el, non somos – como dín os cataláns- res de res, ou sea, nada de nada.
    Biquiños palmeiráns, querido veciño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>