Galicia e os galegos na poesía castelá CXXXVI. Un inimigo: Salas Barbadillo

unnamed (1)Román Arén. Xa recomendei aquí o libro A imaxe de Galicia e os galegos na literatura castelá (1993) de Caramés Martínez, que abrangue dende os antecedentes da Idade Antiga ata o século XVII, século este último no que se crea o grave prexuízo contra Galicia e os galegos. E se nos desprezaron, sobre todo, Góngora, Cervantes e Quevedo, non menos nos aldraxou Salas Barbadillo (1581-1635), un madrileño ao que uns chaman Alonso Jerónimo e outros Gregorio, do que se sabían poucos datos ata 1860. Amigo de Cervantes e de Lope, gabado por eles, é coñecido por La hija de Celestina (1612), novela picaresca que logo remodelou en La ingeniosa Elena (1614), pero son tamén reeditadas outras obras súas como El sutil cordobés Pedro de Urdemalas (1620). Ademais, foi bo versificador, satírico a miúdo, autor de Rimas castellanas (1618) e Corona del Parnaso (1635).

A Elena da súa novela é de ascendencia galega polo seu pai, e diso deriva o seu deshonesto comportamento, pois, para empeorar, a nai é mourisca. De seu pai conta ela mesma que “Mi padre se llamó Alonso Rodríguez, gallego en la sangre y en el oficio lacayo, hombre muy agradecido al ingenio de Noé por la invención del sarmiento”. Por iso casa con mourisca, pois pouca diferenza hai, aínda que “antes moro que gallego”. Chámase Elena para aludir a Grecia, pois era sona que os galegos descendiamos de gregos, e non de romanos, o que era moi negativo. Inclúe a novela un soneto como epitafio á morte da protagonista:

Elena soy, y aunque de Grecia fuego / no hizo por mi ocasión a Troya ultraje, / parece que era griega en el lenguaje / porque yo para todos hablé griego. / Huéspede siempre metí; siempre hice juego / de la Verdad; neguéla vasallaje: / virtud es vinculada en mi linaje / que hasta en esto da muestras de gallego. / Dos padres virtuosos me engendraron / -gente de poco gusto en la conciencia: / padre gallego y africana madre. / Después de muerta al agua me arrojaron / para que vengase en mi inocencia / el mayor enemigo de mi padre.

Un comentario en “Galicia e os galegos na poesía castelá CXXXVI. Un inimigo: Salas Barbadillo

  1. Elena , – a de deshonesto comportamento – nótaselle a vena inxeniosa galega cando di de seu pai eso de “hombre muy agradecido a Noé por la invención del sarmiento” pois, de coñecer esa bonitiña frase o primeiro enólogo da historia, estou segura de que lle gustaría tanto oíla como disfrutéi eu con ela.
    Dos do grave prexuízo contra Galicia e os galegos, só direi que carecían do método dedutivo do persoaxe creado por Conan Doyle, eran moi malos investigando. Foron vos escritores pero, referente ao que pensaban de nos, tiñan as orellas semellantes as dos vertebrados chamados asnos, tan grandes coma a maldade e desprezo que sentían por nos e pola nosa terra.
    Unha aperta, prezado Suso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *