O tecido dos soños, de Teresa Pérez Tilve

otecidodossoñosPilar Sampedro. A autora é, ao meu entender, unha resistente nata, unha muller que se foi facendo a si mesma ao longo do tempo e sen deixar nada atrás, en ningún dos ámbitos. No libro anterior A carón da máquina aproximámonos á súa experiencia vital, acompañando o seu paso de costureira a docente. Ela pasa por todas as etapas educativas: despois de mestra, exerce como profesora de secundaria e doutórase cunha tese sobre a relación entre nais e fillas na poesía de escritoras galegas e irlandesas. Cando se xubila escribe a novela xa citada.

Colleulle gusto á narrativa e despois desa ópera prima, recunca no campo da novelística con O tecido dos soños. Agora, sobe un novo banzo, deixa a memoria e o diálogo familiar para recoller a lembranza da escola, a profesión escollida, e retrátaa naquel lugar onde o sentimento se enraíza, na escola unitaria. Porque é alí, na soidade, onde nos damos conta do que somos, da realidade que nos rodea, do que podemos facer, do lado no que estamos. Todos e todas os que nalgunha ocasión reflexionamos sobre o papel da educación caemos na conta desa dura realidade de rapazas e rapaces condenados dende o berce, arrastrando un peso inxusto que os arrastra e non lles vai permitir voar con esas alas que lles presta o ensino público. Esa é a realidade que describe Laura, a dunha escola separada dunha corte de vacas por unhas táboas, sen un baño ou calefacción axeitados, con profesorado que non sempre cumpre nin sequera co horario, cun concello que lles deixa un televisor sen antena, cunha inspectora á que lle interesa máis o calzado da mestra que as condicións nas que está o alumnado…  E a rapazada (de seis a trece anos) vai entrando na escola, temerosos, faltando cando fan falla na casa para os traballos do agro, coas súas vidas a costas: un que é fillo natural, outra –orfa de nai– que atende a casa e a avoa encamada; os que son coma vellos e traen con eles un mundo propio que non están dispostos a cambiar e… nunca falta o acosador que se vai metendo cos máis débiles.

Podía ser unha novela pedagóxica e ten algo diso porque a protagonista remoe as contradicións entre a teoría e a práctica levada a casos tan extremos coma o da coeducación prohibida oficialmente pero obrigada nas escolas unitarias, a descuberta da aprendizaxe significativa cando os saca da aula para ir recoller follas e traballar en equipo, a autoridade que lle outorga a aldea á mestra e o coidado que debe ter co que di ou fai, a observación dos diferentes grupos de alumnos (os que queren pasar desapercibidos, os prácticos, o que faltan por traballo, os que tropezan co castelán…)

O relato dun curso. Un libro que nace dos relatos que lles contaba aos seus netos, cando comezaron a pedirlle algo máis alá dos contos, as historias de verdade, e ela vai tirando das experiencias na aldea. Unha novela de mulleres e do mundo rural, habitado maiormente por elas.

Nesta entrega, Teresa escribe e ilustra o libro, porque nada se lle resiste, e aí está o seu valor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *