Saúde e retranca

CF28C12F2_205257Román Arén. Carlos Lixó naceu en Carreira en 1991, estudou no IES Leliadoura e graduouse na USC en Historia con Premio Extraordinario. Acadou o Premio Fin de Carreira da Xunta de Galicia. Preside a A. C. Altofalante entre 2012 e 2016. Gañou varios premios de relato e, con este poemario, recibiu en 2017 o XXX Premio de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Pulo narrativo, saudade da infancia e dun mundo rural en extinción, pero contado cun humor negro, retranqueiro, con imaxes case surrealistas ás veces: «había un cartaz enorme / ‘non te sucides’ // no día dos caranguexos / o meu corpo curvouse / como grinalda de templo antigo», o que non empece para que a soidade agrome: «se tivese cinco minutos para viaxar ao pasado / non iría ver a resurrección de Cristo… // iría ao solar en que se ergue a casa dos meus pais / e vería só campos cultivados // unha paisaxe amarela /…», para rematar o poema cunha cántiga popular: «a Virxe da Guía é loira / ten o cabelo de ouro / e unha cara redonda / e branca coma un pelouro». Pero esta nostalxia do paraíso ten o lado escuro: «agora hai unha rotonda / e chalés que van pasando de moda / e xa non quedan nenos». Malia iso o eu lírico pode aínda dicir Et in Arcadia ego: «a aldea do Vilar / é a única aldea / que mantén forma de aldea… para lembrarlle a alguén / algún día / que por esas corredoiras brincaron nenos libres».

«As casas»

Carlos Lixó

Espiral Maior (A Coruña, 2018)

41 páxinas

Un comentario en “Saúde e retranca

  1. Felicidades a ese rapaz carreirán por ese curriculum tan meritorio. E ídem para os seus mestres, seguro que tiveron moito que ver no seu desenvolvemento intelectual.
    Unha aperta dende Palmeira Suso, e saúde, moita saude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>