Marusía

CF28C12F2_205531Miguel García García. Faltaban horas para o abrente cando a dorna deixou de rozar a area. Non levaba o rodelo montado sobre a pana nin ningún dos aparellos cos que traballar ao molinete. Pola banda de Couso oíuse o renxer dos estrobos e un forte acaneo obrigou a Cesáreo a remar cauto. O seu rostro reflectía un sentimento máis profundo que o da propia concentración previa á saída ao mar.

Ao saír do amparo da praia de Curro o vento do norte fíxose presente. Xa non era esa nortada dura que a noite pasada fixera envorcar a lancha xeiteira Flor de María, mais aínda producía ondas curtas que se achegaban arboradas.

Sacou dun peto interior da camisa un pequeno frasco que abriu áxil mentres manexaba os dous remos cunha soa man. Botou unha ollada sobre o ombreiro, quen sabe se para confirmar o rumbo cara ao lugar do naufraxio ou para reafirmarse na necesidade de se defender do mar, cando cun rápido movemento arroxou o contido do frasco pola borda. O aceite da lámpada que alumeaba a sagrada imaxe de San Xoaquín na vella capela da illa flotaba agora arrodeando a dorna. Ao mesmo tempo, a súa muller esperábao na praia peiteando a area para alisar o mar e, con rabia, arroxou cara ao océano o fígado dun abadexo. A ofrenda afundiuse e a divindade concedeu a tregua.

Un comentario en “Marusía

  1. Benvido Miguel:
    E un pracer ver como crece Barbantia.
    Fermoso relato, e moi ben contado.
    Espero atoparte con frecuencia por aquí.
    Saudos dende Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *