Monte Viso

descargaXosé Manuel Lobato. Ferve o mar, escurecese o Sar mentres se agocha Compostela. Moi preto, escintila con intensidade entre fumarolas místicas acompañadas dun estarrecedor resón o grande cumio sacralizado. Profundo culto panteísta nos peregrinos e romeiros, amantes e coñecedores da nai natura e, da súa fontenla de salgada vida, con todos eses datos programan de xeito minucioso as súas viaxes os milleiros de andantes. Hoxe confinados e axexando polas fiestras.

Non se entende de outra forma, tanta masificación e veneración no camiño, o Sacro posúe ese magnetismo en exclusividade, un fenómeno natural transmitido por devanceiros que moran no limbo da memoria.

O Pico Sacro e os seus buratos dos meigos mouros é esa reliquia que suspira convulsivamente ante un alborexar primixenio, onde a grande e ousada dama venturosa tenta brincar nas fauces do espírito diabólico, mentres interpretan unha kharxa neste labirinto subterráneo de murmurio constante.

No tempo compartido dende o grande miradoiro do Sacro, o pracer visual intriga e absorbe vontades nese ollar preguiceiro e plácido da raíña observando absorta infinidade de ñáñaras no horizonte, ao unísono do abrollar dun xasmín nesta paraxe agarimada pola endémica zalema nativa.

Soan trompetas no interior deste cumio lendario, este monte encantado é o grande resoador sagrado e, valedor dun pobo que acepta estes designios sen reparar no cativador relato novelesco, que mesmo no derradeiro intre inspira con afouteza e decisión para entoar esa ultreia, cando no reverso dos ánimos esgotados e desesperanzados remata a fe en todos os ámbitos da vida.

 

Unha mañá fun o Viso

xunto a ribeira do Sar

 

hei ir alá monte Viso

que alí me quero, enamorar …

 

Se un día vas o monte Viso

aínda que non velo mar.

 

Verás Santiago nun baixo

detrás o Sacro, na beira o Sar…

 

O Sacro coida do meigo

Santiago garda o chorar

 

No Sar afoganse as penas

desa morena que eu quero máis…

 

3 comentarios en “Monte Viso

  1. Queridísimo Lobato, cando lin a tua – non – esperada resposta, por pouco ingreso na blanda nebulosa do inconsciente; primeiro porque non a esperaba, (aínda que unha sempre abriga a esperanza de que algún día sexa replicada) e segunda, porque recibir esa resposta tan bonitiña, por pouco desgárraseme boa parte do pericardio.
    Moitas grazas pola tua resposta. Non perdas a costume.
    Unha aperta.

  2. Prezada Magdalena, os teus comentarios sempre son esa fontenla que abrolla fresca e pura nunha natureza salvaxe, esa natura descoñecida onde beber é unha obriga, para seguir de cando en vez tomando un café.

    A débeda, un pracer poder polo menos amortizala, queda o compromiso de facelo xunto cos amigos rianxeiros.

    Moita saúde e, que sigan cantando os merlos de don Faustino Rey Romero.

  3. Querido e admirado José Manuel, din que a formación intelectual e imprescindible para valorar una obra literaria. Non creo en eso. Eu fun moi pouquiño a escola ( non é a primeira vez que o comento ) e cando che leo, sei que por moita autoridade intelectual que poda ter outro que lea os teus textos, penso que a esencia da tua entrada na agarra mellor ca min. Ademais eu ao texto pódolle poñer a tua voz. En eso teño ventaxa ante calquera “autoritas”.
    Precioso, Lobato.
    Biquiños palmeiráns.
    P.D No me esquezo da deuda que tedes conmigo, cando se acabe este castigo penso cobrala.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>