Charles Bukowski, Os praceres do condenado

los_placeresEme Cartea. Charles Bukowski, novelista e poeta estadounidense, nace en Alemaña en 1920. Con tres anos parte con seus pais para EE.UU e residirá case sempre en Los Ángeles (onde morre en 1994), cidade talismán que exerce unha poderosa influencia na súa obra.Escritor prolífico, polémico, cualificado por algúns como o representante do”realismo sucio”, por outros do “naturalismo burlesco”, e mesmo emparentado coa Xeración Beat. É, sobre todo, un autor independente.Un “minimalista” sobrio, conciso e preciso. E mesmo en poesía, os seus personaxes son vulgares e correntes, cheos de contradicións.

A súa infancia está marcada tanto por un pai violento como polas pegadas do acne e da súa timidez. Con estudos de xornalismo, arte e literatura, exerceu múltiples traballos temporais, malvivindo por pensións humildes. “Hai veces que un home ten que loitar tanto pola vida que non ten tempo de vivila”. Un pesimista misántropo e contestatario. Camorrista, mullereiro e bebedor: “Se ocorre algo malo, bebes para esquecelo; se ocorre algo bo, bebes para celebralo; se non ocorre nada, bebes para que suceda”.

CharlesBukowskiVida e obra son inseparables en Bukowski, inda que o “home” crease un “personaxe literario” á medida das súas extravagancias. Para el, “o individuo ben equilibrado está tolo”. O certo é que a súa sona vénlle primeiro como narrador, e logo como poeta: “A poesía sempre é o máis doado de escribir, porque se pode escribir completamente borracho… ou feliz… ou desditado”. Poesía social, de perdedores: drogadictos, putas, vagabundos, xubilados, poetas… que procuran aparentar certa dignidade.

Un mundo temático de carreiras de cabalos, sexo, alcol, droga e amor; literatura –con fobias e filias moi particulares–, enfermidade, vellez e morte. Tamén insectos e gatos, a música e a pintura, o béisbol e o boxeo     (que practicou). E a cidade vital de Los Ángeles, por excelencia, que canta como “un campo de batalla cotiá”, subxectiva, conforme á súa propia experiencia.

A súa estética é simple: o artista íntegro debe madurar per se, dende a contestación e a transgresión do establecido. Defende a naturalidade e a concisión estilísticas –de aí o seu eloxio ao haiku e á Xeración Perdida de entre guerras– que no seu poema “a queima do soño” sintetiza  en dúas palabras ou ideas-forza: “verdade” e “estilo”.

henry_charles_bukowski_by_pakstrax-d5nlkc1Así, a súa estilística vai do groseiro ao auténtico, do puro exhibicionismo literario ata o malditismo rimbaudián. Os seus poemas son pequenos cantos narrativos –ás veces dialogados– prosaicos, concisos, espidos de afectación retórica; como minirrelatos que violentan o canon normativo do poema, patente na case ausencia de maiúsculas, no caótico uso da puntuación, ou mesmo na súa forzada sintaxe. Pero a carencia de rima e metro súpleas cunha coidada cadencia poética axustada ao seu ritmo coloquial que transmuta a prosa aparente en discurso de fondo lirismo que tira polo lector.

Un gran poeta como el di “sólido, rosmón e inmaculado”, que fai literatura da vida. Irónico e inconformista, directo e antitético. “Sucio” para uns, “brillante” para os outros. Mais sempre controvertido e intenso. De obrigada lectura, inda sen compartirmos a súa poética.

CHARLES BUKOWSKI:  Os praceres do condenado. Poemas, 1951 – 1993. Colección Visor de Poesía, 2011. Tradución ao castelán: CiroArbós.

Un comentario en “Charles Bukowski, Os praceres do condenado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *