Os fillos somos cicatrices

O Andel. Lumes_Ismael_Ramos. AbrilRomán Arén. Ismael Ramos naceu en A Picota (Mazaricos) en 1994, pero pasou parte da infancia e adolescencia en Noia. No ano 2013 gañou o Premio Francisco Añón con Hábitat / Interferencias e no ano 2015 acadou o Premio Johán Carballeira de Poesía con Os fillos da fame (Xerais, 2015). Xa no ano 2017 saíu do prelo Lumes, un poemario de forte narratividade, que invade ás veces os bordos do aforismo:  “Deus deunos as mans para pedir esmola e amasar o pan. / Unha boca grande chea de fame distinta do bado exacto do paxaro”, e outras as do microrrelato de raíz surrealista, entre boas imaxes que van da “alta cultura” (Sófocles, Eurípides) co mundo cotián da familia, que é a gran fonte de moita da mellor narrativa, mais tamén do teatro e a poesía: “O poema é o poema dos pais. / A ferida é a ferida dos pais. / A ferida dos homes. / As cicatrices tamén… / Os fillos somos cicacitres”. Nai, pai, avó, irmá, avoa son o referente de moitos destes poemas que teñen un ton como de épica do solpor, de ruptura cun mundo que sempre proe. E abraia tamén a potente presenza da morte, un dos grandes motores da poesía de todos os tempos: somos tempos para a morte, somos nubes pasaxeiras. Quizais o derradeiro verso do poemario explicite o cambio, a creba do mundo da infancia: “Se cadra foi comprender a fervenza. O seu xeito continuo de romper”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *