Amor de verán

mano-silueta-forma-corazon-salida-sol-fondo-playa_51264-405Ramiro Ouviña O. Xa viñan enleados cando chegaron para cear. As frases, aínda que pronunciadas sen alporizar os ánimos, atropelábanse unha coa outra.

-Eu só che digo que as cousas do verán morren co verán. E moito máis mortas están cando son do verán pasado, …

-Que saberás ti, ho. Agora falas así, pero non dicías isto mesmo no agosto pasado, cando pingabas a baba mirando para Luísa. Ti, que non les máis que as letras grandes do xornal deportivo, bailabas sen música cando a escoitabas.

-Bo. E iso que ten que ver!. O ano pasado, o ano pasado. Eu ben cho dicía: Amador, sonche cousas do verán; nacen con el e con el morren. O que pasa é que ti non querías escoitar.

Sentaron diante do televisor. Amador finxiu interesarse nas novas do xornal. Xan seguiu coa súa prédica, falando, fachendoso, dos seus “triunfos” nas festas do mes de xullo, ao que xa poucas horas lle quedaban. Xunguía Xan cadansúa localidade cunha música e unha comida: Boiro-Panorama-churrasco; Ribeira-Gran Parada-polbo á feira; A Pobra-Xiada-sardiñada.

-Calarás, ho! – medio berrou Amador.

-Se non calades os dous vouvos mandar para a cama sen postre. Ou sen cear – remachou Asunción. E calaron.

Uns e outros ocuparon o tempo de cear coas cousas triviais dos días que corrían: o bo tempo destes días; os turistas de xullo que xa marcharan; os de agosto que chegarían mañá; Neymar si, Neymar non. Xan, categórico. Amador, ausente, cun lene sorriso que de súpeto e de xeito moi breve curváballe os beizos, polo demais só abertos para permitir a entrada da comida.

Rematada a cea, percorreron silandeiros e sen présa o pequeno treito do corredor que os levaba ás súas habitacións de sempre.

-Escoita – dixo Xan agarrando sen forza o cóbado esquerdo de Amador. Xa sabes que só digo o que digo porque cho digo a ti. Porque es ti. A ninguén máis.

-Xa o sei  – respostou Amador  ao tempo que xiraba a súa cabeza cara a Xan. O que pasa é que ti mides a todos como te mides ti. E non é así, Xan. O mesmo metro e o mesmo xastre fan traxes distintos para distintos clientes.

Xa dentro do cuarto, namentres desenvolvía automaticamente as rutinas previas a meterse na cama, as lembranzas acudían a Amador como lóstregos incesantes. Os primeiros contactos con Carmen, os paseos a lugares da vila que de súpeto se lle aparecían cunha luz especial, a tranquilidade serena, plena, silenciosa, dos solpores, os días xuntos, curtos, e as noites separados, longas, longuísimas. O intento de roubarlle un bico e as desculpas de Carmen: o descubrimento das “cosas de la familia”. O breve bico e a sensación da súa man esvarando na de Amador ao tempo que embarcaba no autobús, gravados con ferro quente. Mágoa que as “cosas de la familia” puxeran de cando en vez unha fuxidía sombra de pesar na súa cara.

Sentado na cama le de novo a mensaxe á chegada a Madrid: Ten paciencia. Confía en mi. Todo un ano sen máis noticias. Todo un ano de chamadas e sempre a mesma resposta: El teléfono está apagado o fuera de cobertura. “Cosas de la familia”. E hoxe pola mañá, dende un número descoñecido, a segunda mensaxe nun ano: Llego el 1 por la mañana..

Pouco antes das oito, Amador, aseado, peiteado e barbeado con coidado exquisito, sae do seu cuarto e cerra con coidado a porta. No corredor encóntrase con outros hóspedes da residencia de maiores que coma el se dirixen a almorzar ao comedor. A voz da locutora, plana e sen matices entrou paseniñamente  na súa cabeza … A parella, que viña pasando por problemas dende había pouco máis de un ano, separárase apenas unha semana antes.  Non había denuncias previas por malos tratos nin el tiña antecedentes de violencia. Carmen M.M. tiña 65 anos e …

Sentado diante do televisor, Xan devólvelle a certeza que non quere aceptar. Cos ollos anegados e o sentido anubrado Amador procura o acougo que a cortina ao seu carón non lle da, non lle pode dar, e caen xuntos ao chan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *