Abandono

Courel (111)Francisco Ant. Vidal Blanco. Procurando paisaxes onde combinar a tranquilidade que se precisa e a seguridade que se necesita, aló fomos por eses camiños adaptados ás isoipsas do terreo; por lugares onde a pegada humana hai anos que deixou de ser cotiá para permitirlle ás herbas abrollar no medio dos vieiros. De cando en vez unha ave ou un cuadrúpede cruza diante de nós espantado ante a presencia humana. Tamén nós vemos paisaxes que nos sorprenden, cunha natureza viva, salvaxe e chea de miles de murmurios e asubíos que nos gustaría saber diferenciar, outras veces a sorpresa é ver aló ó fondo casais de tellados asolados, con portas e fiestras escangalladas, falándonos dun longo abandono. Porque os seus donos e os seus fillos, encontraron noutros lugares o futuro que no seu día lles faltou, a vida que a aldea lles negou ó amparo de políticas encamiñadas ó sector de servizos e de emprego fabril como signo de modernidade contra a antigalla do traballo no campo, incluso levando as industrias adicadas á elaboración dos produtos do sector primario ós centros urbanos.

     E no medio do casal unha igrexiña cuxas campás xa foron arrapañadas por algún ferrancheiro, con nocturnidade e aleivosía. Dentro só quedan retablos comidos pola traza e algún santo sen cabeza. Os outros estarán nalgunha tenda de antigüidades. Un tesouro que nos están usurpando sen que as dioceses que se proclaman donas lexítimas dese patrimonio sexan quen de coidar como é debido. Aí as deixan estar, inactivas, pechadas, cheirando a mofo e deslucindo as paredes, moitas delas decoradas con pinturas medievais. Verdadeiras obras de arte que aínda sen ter devotos seguen sendo un patrimonio sobre o que a alta curia tería moito que dicir se fose responsable do que ten. De momento o Vaticano xa proclamou que non vai permitir que as vellas igrexas abandonadas se convertan en bares, restaurantes ou discotecas. Pero eses edificios non poden quedar mortos e condenados a un derrube que non se evitará se ano tras ano seguen sen mantemento. santa Bárbara en Santa CristinaAquí é onde se fai necesaria unha nova desamortización, unha reconversión en auditorios, bibliotecas, arquivos, centros culturais, museísticos ou sociais aínda que se lles monte na sancristía un ambigú cunha finalidade primordial: manter activo un edificio histórico e contribuír dalgún xeito a que o desmantelamento do rural non sexa tan drástico.

Á fin, cada pouco vemos a grupos de veciños queixándose de como os retablos e murais de máis de cinco séculos dalgunha capela están perdendo a cor e se cobren de musgo sen que ninguén porte por eles, a non ser a boa vontade dos fregueses facendo algún petitorio para reparar un tellado e evitar que a humidade o siga podrecendo todo.

Non é a primeira vez que facemos esta reflexión, pero agora facémola amparados por un documento que foi asinado por vinte conferencias episcopais de todo o mundo (escaso número dada a magnitude do seu patrimonio) pedindo que se lles dea a estes templos algún tipo de uso adecuado coas súas características.

Finalmente, quen terá a última palabra? Porque é evidente que o Estado algo terá que dicir. Se lles permiten non pagar o IBI han de esixir, polo menos, o seu mantemento en condicións adecuadas e un inventario actualizado das pezas que nel se conservan para que non desaparezan por mor da sórdida e cobizosa xestión dalgún crego desalmado. Se lle facemos caso a Xulio, a solución sería resucitar a Mendizabal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *