Caosmos de Antón Patiño

416px-Antón_Patiño-_1Pilar SampedroPatiño é un apelido querido entre nós. Fala de arte e cultura, dos artistas, Raimundo, Antón, Lois… e de libreiros: con Antón Patiño, o home que viña da República para traballar nos eidos da micoloxía e dos libros, fundando a libraría Librouro en Vigo á que lle dá continuidade o seu fillo Xurxo.

Antón Patiño non é só un artista. Por iso, a exposición recolle tamén as publicacións relacionadas coa literatura, pensamento ou o ensaio artístico. As referencias culturais da Galicia actual son obxecto da súa investigación ao longo do tempo e grazas a el teñen sido divulgadas moitas veces fora de Galicia. As múltiples facetas da súa figura quedan así compiladas na mostra.

Antón Patiño semella recoller todos eses mundos da palabra e a pintura, dende o movemento Atlántica, a revista Loia, con Rivas e os irmáns Pereiro, o grupo poético Rompente con Reixa e demais, a contracultura urbana, a banda deseñada, revistas e portadas de discos. En palabras de Santiago Olmo, Patiño é un pensador poliédrico, vinculado á poesía, ao ensaio, á escrita, á testemuña e á análise crítica das artes visuais; atento á tradición e á modernidade.

As pezas falan desa vinculación cos tempos, que recollen a complexidade dunha obra que comeza nos anos setenta e chega á actualidade, interpretando a tensión dos últimos días da Ditadura a través de obras coma os selos de Franco relacionados coas últimas execucións, dos atentados de Atocha a través dunha relación coa iconografía picassiana. O pop coas alegres cores que nos falan dun tempo vitalista. O autorretrato. O que é vangarda en cada momento, permitindo a evolución propia enmarcada nas correntes predominantes.

Caosmos. Caos e cosmos. Cosmos organizado e propio. Caos disperso e fragmentario.

Da tensión entre natureza e cultura, da intuición ao pensamento, do comunitario ao individual. Entre a figuración e a abstracción. Unha articulación dentro da incerteza. Constelacións ou panorámicas nas que a xestualidade incorpora o ritmo. Atmosferas cromáticas que falan de percepción sensorial. Liñas e cores, case graffitis ou marañas que se vinculan aos mapas do inconsciente.

E no remate, esa iconografía propia de alas, cruces, casa e cara ou barcos que semellan perdidos no gran lenzo, figuras que se reiteran, lenzo tras lenzo: o soño incumprido de Ícaro e o barco con mariñeiros que fala do oceánico sempre a punto da marea negra.

A modo de exemplo, móstrasenos o “Caderno do Prestige” de 2002 , mediante un vídeo para que poidamos observar ese diario visual do loito cando a gran balea negra asolagou o noso mar. Cartografías propias e recoñecibles que acompañan a obra a pesar dos cambios. E sempre, presente, a volta ás orixes, ao país, ao lado da contemporaneidade.

Unha antolóxica, un percorrido pola súa obra a través de series representativas de cada etapa.

2 comentarios en “Caosmos de Antón Patiño

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *