As idades da bolboreta

Bolboreta1Francisco Ant. Vidal Blanco. ¿Pode haber algo tan diferente no mundo como unha bolboreta e unha persoa? A verdade é que se llo buscamos, todo ten a súa parte de semellanza, xa sexa por esa porcentaxe de xenes que compartimos ou porque de sempre tratamos de encontrar parecidos cos animais. Aí están as fábulas, feitas, refeitas e recopiladas unha e outra vez en formato de peto, de coleccionista ou de libro infantil para chamarnos burros ou galiñas. A ra que envexaba ó boi, a picardía do galo (mal)aconsellando ó raposo para poder fuxir das súas fauces e tantas outras para advertirnos contra a vaidade do burro frautista, animarnos a ser constantes como a tartaruga, ou a evitar a fachenda do corvo de voz ronca.

Xulio tamén é dos que de cando en vez inventa para nós algunha fábula, coa súa carga de moralina, impresa nesas preguntas sen final, que deixa caer para que cada quen saque a súa propia conclusión. Outras veces prefire contar contos divertidos, e moitas outras (como sabedes) ponse demasiado profundo, tanto que non sería a primeira vez que, tras deixar a súa compaña, chamámonos por teléfono coa intriga na punta da lingua: “Que quixo dicir cando dixo…?”

Este xoves, entre anécdotas e aventuras de fillos, netos e infantes pasóusenos a tarde na ampla azotea da casa de Moncho. Un miradoiro mariño onde poder respirar sen máscara nin buceira durante uns segundos, e a onde nos chegaban os berros, gritos e chíos dos tres netos da casa que enredaban a poucos metros de distancia, poñendo todo patas arriba. O avó e anfitrión queixouse, a modo de desculpa, que os nenos estaban botando fora toda a ansia reprimida durante a corentena, o que lles facía parecer uns salvaxes, a pesar de que esta xa leva máis de dous meses superada. “E non vexades vós como teñen o seu cuarto, tan atestado de trebellos que parece un cortello”. Todos tivemos fillos e, aínda sen pasar por corentena ningunha, miúdas disputas tiñamos para que cando rematasen de xogar recollesen os xoguetes; pero foi Xulio quen, sen darlle importancia, contou como en certa ocasión, acercouse unha bolboreta a unha maceira que tiñan na horta, e sentiuna berrar polo furado aberto nunha mazá contra o verme que a ocupaba: “Fillo, come, xoga e fai o que queiras, pero non emporcalles o teu cuarto”. Como todos quedamos sen saber que dicir, Xulio aclarou que é o propio de todas as crianzas, iso de non coidar nin das cousas que lles fan ben. Úsanas, escangállanas e abandónanas.

Aínda así, hai nenos e nenos, uns moi coidadosos e outros moi deixados. De todas formas é unha etapa que logo pasa. E lamentaba o anfitrión con rexouba, “Pasa esta e vén outra peor. Cando chegan á adolescencia deixan a etapa do balbordo para ficar na do alboio. E aí están, metidos en si, cos seus aparellos electrónicos conectados, en solitaria contemplación, illados do mundo…”

“É a etapa da crisálida”, apuntou Xulio, “cando prefiren ficar arredados da realidade, pero ó final, por desgraza, cando a bolboreta sae do casulo, cando lle nacen as ás e goza delas en liberdade, apenas lle quedan días de vida e desfrute. Máis dun terzo da súa vida pasouna emporcallando o cuarto onde vivía e outro terzo adurmiñada”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>