Conversas de escaparate. Papas con leite

escapa1Fidel Vidal. -Trouxéronos do almacén e plantáronos fronte ao mundo.

-E con esta roupa.

-A miña ilusión sempre foi chimparme dun avión en paracaídas.

-Eu boto de menos as papas con leite.

-De millo ou de trigo?

-Papas quentes, de millo ou de trigo, tanto me ten, e tomalas a culleradas con leite frío.

-De non subir a un avión, o seguinte sería mergullarme no mar en traxe de buzo dos de antes, con escafandro e zapatóns de chumbo incluídos.

-Non te moverías do sitio.

-Dentro da auga case aboiaría.

-Para xantar non virían mal unhas xoubas afogadas.

-Con pan, polo do prebe.

-Mellor acompañadas cun anaco de bolo do pote da miña avoa.

-Falando da avoas, que tal me quedaría unha armadura medieval, casco con cimeira de torneo e celada?

escapa2-O metal sempre che sentou ben.

-Ti cres?

-Naturalmente. De sobremesa aposto por unhas castañas cocidas.

-En pota de barro, supoño?

-Sen lle faltar o seu fiúncho.

-E que me dis das aventuras californianas?

-Pola miña banda apostaría por montar en bicicleta sen guiador.

-Non sei que che diga. Mellor será non saírmos da casa.

2 comentarios en “Conversas de escaparate. Papas con leite

  1. Papas con leite de millo ou de trigo, xoubas afogadas para mollar o pan no preve, bolo do pote… e están como sílfides eses mozos. E pensar que outras temos que ter de fondo de armario prendas de tallas distintas para acomodar a sístole e diástole da nosa mismísima mismidade persoal.
    Todo sexa polo bolo do pote.

    Bolo do pote comer a galope,
    bolo do lar, comer e soplar.

    Palabras da miña avoa Encarnación.

    Castos biquiños, querido Fidel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *