Porto Moniz/Seixal, socalcos vizosos, miradoiros de vertixe

porto 1Xerardo AgraFoxo. Percorrer a costa norte nos buses madeirenses, dende Santana até Achadas de Cruz, semella unha pequena aventura polo estado das estradas, sempre ameazadas polos derrubes de rochas, os túneles cegos e as continuas reviravoltas. As vilas, cos seus tellados vermellos, fachadas brancas e campanarios esveltos, son coma fachos erguidos encol de lombadas, fértiles chairas ateigadas de vides e bananas. As linguas de terra mergulladas no mar, coma promontorios afiados, convértense en miradoiros de vertixe pola altitude que acadan sobre a retorcida liña da costa, tan carente de esteiros naturais que a pesca é un milagre só  posíbel nalgunhas arnelas recollidas.

Unha delas é Porto Moniz que, ademais de contar cun pequeno peirao, é un salientábel centro turístico, cun fermoso balneario e unhas piscinas naturais construídas ao redor das rochas basálticas, onde a auga, salgada e escumosa, é apreciada coma se agromase dela un efecto terapéutico. As aldeas son recantos abrazados polos  bananeiros que semellan árbores xigantes entre casas cativas. Na vila mariñeira de O Seixal, erguida nun abeiro desta costa indómita, onde o mar bate con afouteza e as praias son croios mesturados con area negra, destaca a produción dun viño elaborado encol duns socalcos pendurados coma alfombras rechamantes sobre a beiramar e protexidos do vento que sopra sen alento nas invernías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *